A incubadora Bioincubatech recibe 30 propostas de proxectos biotecnolóxicos, a maioría no eido da saúde

BioIncubaTech ofrecerá apoio nesta primeira convocatoria a 20 proxectos. Na modalidade de incubación física en módulos de laboratorio, oficina ou área de coworking acollerase un máximo dez proxectos empresariais, catro en fase de preincubación, tres en fase de incubación e tres en fase de aceleración. Quince das propostas solicitaron este tipo de espazos, sete delas na área destinada a coworking e oito, en módulos de incubación.

Tamén se ofrece incubación virtual a outros dez proxectos en calquera estadio de desenvolvemento que, aínda que non precisen aloxamento físico no edificio Emprendia, poderán acceder a todos os programas de apoio, instalacións comúns e infraestrutura científica que ofrece BioIncubaTech. Outros quince proxectos optaron por esta modalidade de incubación virtual.

Captación de talento emprendedor

BioIncubaTech conxuga dotación de infraestruturas e programas de incubación e aceleración, para conseguir atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo a Galicia. Esta nova infraestrutura, cuxa sede está situada no edificio Emprendia da USC, ofrece apoio e espazo para a incubación tanto de micropemes como de proxectos do ámbito biotecnolóxico. Ademais, proporciona un acceso preferente a infraestruturas científicas da USC.

Alén da infraestrutura científico-técnica proporcionada, as empresas usuarias de BioIncubatech contarán cunha serie de programas de apoio en catro eidos fundamentais de actividade: a transferencia de coñecemento e xestión da innovación; captación e xestión de talento directivo; coordinación e networking internacional; e captación de investimento e xestión financeira.

O proxecto, que conta coa colaboración de Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago, está financiado pola Fundación INCYDE na súa convocatoria 2018 de “Incubadoras de Alta Tecnoloxía para o fomento da Innovación e a transferencia de tecnoloxía a micropemes” (Fondos FEDER), e cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.
R.