A Estratexia Galega de Loxística mobilizará máis de 20 M€ para dar un pulo á competitividade do sector da organización, abastecemento e transporte de mercancías

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a posta en marcha da Estratexia galega de optimización loxística, coa previsión de mobilizar máis de 20 millóns de euros ata 2022 para impulsar a competitividade do sector da organización, abastecemento e transporte de mercancías.

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que a Xunta destinará 11 millóns de euros para o desenvolvemento desta iniciativa, a través de medidas como a posta en marcha de catro centros de apoio ao transporte por estrada -un en cada provincia-, que prestarán servizos 24 horas e beneficiarán a 5.000 empresas; ou o funcionamento dunha xanela única para a realización dos trámites aduaneiros nos portos galegos.

Así mesmo, avanzou a creación dunha plataforma dixital de co-carga que se porá en marcha o vindeiro ano e a través da cal as empresas poderán comunicar de xeito sinxelo as súas necesidades de transporte e recibir inmediatamente as mellores ofertas, o que facilitará ás compañías a axilización dos prazos de contratación de servizos loxísticos. A isto engadiu a creación dunha aceleradora vertical de proxectos emprendedores innovadores no eido da loxística, ademais da creación dun portal de información en liña.

Logo de referirse tamén ao convenio de colaboración co Clúster da Función Loxística, que prevé integrar a 50 empresas, o responsable do Executivo galego aseverou que esta Estratexia compleméntase con outras iniciativas como a posta en marcha dos Centros de Fabricación Avanzada, para validar recursos de tecnoloxías dixitais feitas en Galicia en sectores produtivos concretos, e o programa de desenvolvemento de provedores de maquinaria industrial.

Cómpre destacar ademais que o comezo da súa execución complétase coa posta en marcha do proxecto Co-logistics, encamiñado a fomentar a internacionalización e a presenza exterior das empresas de Galicia e o norte de Portugal neste ámbito, unha iniciativa que conta cun orzamento total de máis de 2 millóns de euros.

“O sector loxístico, que xa emprega 50.000 persoas en Galicia, que supón o 4% do PIB, e que abrangue 12.000 empresas de distintos tamaños, necesita un plan”, incidiu Feijóo, salientando que a nova Estratexia “consiste en buscar todas as capacidades de coordinación de todas as empresas loxísticas para poñelas a disposición dos clientes galegos e dos clientes nacionais ou internacionais”.

Nesta liña, o titular da Administración galega subliñou que as tendencias globais que o sector afronta na actualidade son, fundamentalmente, tres: o proceso de globalización e internacionalización da economía; a irrupción das tecnoloxías emerxentes; e novas oportunidades, como a entrada en funcionamento do AVE a Madrid ou a inclusión de Galicia no Corredor Atlántico de Mercadorías.

“A presenza na elaboración da Estratexia das empresas loxísticas máis importantes de Galicia acredita que non é teórica, senón práctica”, considerou o presidente da Xunta, concluíndo que “estando no córner de España e de Europa, a loxística de entrada e saída de mercadorías é clave para os intereses da Comunidade e para a competitividade da súa economía”.
R.