A Xunta e o grupo de traballo local de Endesa solicitan ao Goberno central que impulse unha transición enerxética xusta e ordenada tal e como esixe a Comisión Europea

Así, reiteraron ao Goberno a posta en marcha de medidas como a eliminación do céntimo verde, o establecemento de iniciativas que estimulen unha combustión ecolóxica coa utilización de biocombustibles, ou a adopción de estímulos para as centrais que, como As Pontes, fixeron os investimentos precisos para adaptarse á Directiva Europea de Emisións Contaminantes.

Ademais reclaman ao Goberno a posta en marcha dunha mesa técnica que aglutine aos axentes implicados e a incorporación de Galicia na Plataforma Europea das Rexións Mineiras en Transición para poder acceder aos fondos europeos en 2021 e que serviría para reindustrializar zonas que se vexan afectadas, como As Pontes ou Meirama.

Conde lamentou a situación de incerteza que viven as 750 familias vinculadas á central das Pontes, pero tamén as 1600 de Alcoa San Cibrao ou as 400 de Parter, na Coruña, que contan cunha solución provisional ata 2021. Por iso pediu alternativas e apostar por unha transición co mesmo modelo que se está aplicando con éxito noutras partes de Europa, onde están operativas actualmente máis de 100 centrais térmicas.

O conselleiro finalizou asegurando que hai que seguir reclamando desde Galicia e desde a unidade un trato xusto, a definición de solucións inmediatas, a reactivación da actividade da térmica e salvagardar os postos de traballo.
R.