Galicia rexistrou no primeiro semestre un déficit do 0,59%, por debaixo da media autonómica

A Comunidade Autónoma de Galicia pechou o primeiro semestre de 2019 cun déficit do 0,59%, un dato por debaixo da media autonómica, que foi do 0,63%, segundo recollen os últimos datos publicados hoxe polo Ministerio de Facenda, correspondentes ao mes de xuño.

En concreto, Galicia rexistrou no peche do mes de xuño un déficit de 387 millóns de euros, mentres que o déficit rexistrado polo conxunto das administracións autonómicas situouse en 7.938 millóns. Todas as comunidades autónomas de réxime común rexistraron déficit ao peche do primerio semestre, e Galicia é a sexta comunidade –a sétima incluíndo as forais- con menor déficit contable.

Neste dato repercuten negativamente medidas adoptadas polo Goberno central que teñen afectación directa sobre as finanzas autonómicas, tanto no eido do gasto como na retención de ingresos. En particular, a Comunidade Autónoma de Galicia –e o resto de comunidades de réxime común- continúa a día de hoxe sen ingresar as entregas a conta actualizadas ao exercicio 2019 e a liquidación completa do IVE de 2017, ingresos incluídos no Orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia para 2019, en vigor desde o 1 de xaneiro.

En todo caso, Galicia mantén o seu compromiso de cumprir os obxectivos de estabilidade orzamentaria neste exercicio 2019, toda vez que non contempla outra alternativa que percibir os ingresos procedentes do sistema de financiamento autonómico incluídos nos Orzamentos en vigor.

De feito, Galicia é unha das comunidades autónomas de referencia no cumprimento destes obxectivos de estabilidade orzamentaria e así o ratifican as cifras oficiais do Ministerio de Facenda, que mostran que Galicia volveu estar en 2018 entre as comunidades que conseguiron cumprir os obxectivos de déficit, débeda pública e regra de gasto, ao tempo que foi a comunidade que mellor pagou aos seus provedores.

Galicia pechou o primeiro semestre do ano como a comunidade que mellor paga as súas facturas

Galicia pechou o primeiro semestre do ano como a comunidade autónoma que mellor paga as súas facturas, segundo reflicte o último informe sobre ‘Prazos de pago a provedores e débeda comercial das Comunidades Autónomas’, publicado hoxe polo Ministerio de Facenda.

O período medio de pago en Galicia reduciuse a 13,8 días, o máis baixo de toda España, mentres que a media autonómica situouse nos 36,2 días. Os datos oficiais da Administración do Estado mostran tamén que este indicador en Galicia mantívose 16 días por debaixo do límite que establece a normativa estatal, que é de 30 días.

En canto á débeda comercial, os datos do informe elaborado pola Secretaría de Estado de Facenda sitúan a Galicia de novo como a comunidade con menor débeda comercial de España. A ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no mes de xuño no 0,11%, a máis baixa de toda España e inferior á media autonómica, que foi do 0,39%. Ao peche do primeiro semestre do ano, a débeda comercial do conxunto das comunidades autónomas era de 4.898,5 millóns de euros, dos que 70,3 millóns –o 1,4% do total- corresponden a Galicia.
R.