Galicia é a segunda comunidade na que máis baixa o paro na evolución anual e suma 252 afiliados ao día no último mes

Con respecto á evolución anual das afiliacións, a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, sinalou que continúan crecendo, situándose nos mellores niveis da década. Galicia volve a superar a barreira do millón de cotizacións aumentando nun 2,04% (+20.315). A Comunidade, ademais, leva seis anos de incrementos consecutivos. En canto á evolución mensual, Galicia rexistrou 7.814 afiliacións máis que no mes de abril. O incremento producido supón un ritmo de 252 afiliados ao día.

A secretaria xeral, así mesmo, indicou que o desemprego baixa nos colectivos prioritarios para a Xunta: os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración. De feito, 4 de cada 5 persoas que saíron do paro no último ano atopábanse nesta última situación.

O paro tamén caeu nas catro provincias e sete grandes cidades galegas e en todos os sectores de actividade, liderando o descenso a construción (-18,08%), seguido da industria (-8,34%), da agricultura e a pesca (-8,30%) e dos servizos (-7,90%).

En canto á baixada por provincias, Lugo lidera a caída cun descenso do 10,37%, seguida da Coruña (-9,61%), de Ourense (-8,58%) e de Pontevedra (-8,14%).

Traballadores cualificados

Toca destacou a aposta da Xunta pola formación dos galegos e galegas pois, segundo sinalou, é a clave para acceder ao mercado laboral, abrir novas oportunidades e contar con traballadores máis cualificados, cos coñecementos necesarios para dar resposta ás demandas dun mercado laboral orientado cara o impulso da Industria 4.0 e da innovación.

Neste sentido lembrou que entre este ano e o que vén o Goberno galego investirá 57,3 millóns de euros para poñer a disposición de máis de 26.000 galegos unha formación de calidade. Así, xa están abertas as convocatorias tanto do Plan galego de formación para desempregados e ocupados, como os obradoiros duais de emprego.
R.