O Ministerio de Facenda confirma que Galicia cumpriu en 2018 as regras fiscais de déficit, débeda e gasto

Este informe do Ministerio de Facenda aínda non actualiza a cifra do superávit de 2018 para incluír o cálculo correcto, que é de 125 millóns de euros. De feito, o informe aínda recolle o cálculo inicial de 104 millóns de euros publicado en marzo pola Administración Xeral do Estado, pero Galicia xa lle ten trasladado ao Ministerio de Facenda a explicación técnica correspondente para subsanar este erro.

O mesmo sucede co límite de débeda pública, xa que o informe do Ministerio de Facenda mostra que Galicia pechou o exercicio cunha ratio de débeda/PIB do 18,0%, cifra que xa foi actualizada polo Banco de España ao 18,1%. En todo caso, o informe confirma que Galicia pechou o exercicio cumpriu o límite máximo autorizado polo Consello de Política Fiscal e Financeira, que era do 18,4% para a Comunidade Autónoma.

Finalmente, o informe tamén ratifica que en 2018 Galicia cumpriu o límite da regra de gasto, un mecanismo que ten como obxectivo evitar consolidacións procíclicas de gasto na Administración, evitando un aumento excesivo dos gastos estruturais que, en épocas de dificultade, non poidan ser afrontados.

Co cumprimento dos tres obxectivos de estabilidade, Galicia evita a aprobación dun plan económico-financeiro, obrigatorio cando unha Administración incumpre algún destes parámetros. Ademais, Galicia beneficiarase doutras vantaxes derivadas deste cumprimento, como o acceso ao Fondo de Facilidade Financeira, a concesión de avais a empresas ou a utilización dunha taxa de reposición de efectivos públicos maior da que poderán usar as comunidades autónomas incumpridoras.
R.