Galicia é a Comunidade Autónoma coa menor débeda comercial, segundo os datos publicados hoxe polo Ministerio

Sobre a débeda comercial, a ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no mes de febreiro no 0,09%, a máis baixa de toda España e inferior á media autonómica, que foi do 0,33%. Ao peche do mes de febreiro a débeda comercial do conxunto das comunidades autónomas era de 4.111 millóns de euros, dos que 61 millóns –o 1,48% do total- corresponden a Galicia.

En canto ao pagamento de facturas, os datos do informe elaborado pola Secretaría de Estado de Facenda sitúan a Galicia como a terceira comunidade que paga con máis axilidade as súas facturas, xa que acadou no mes de febreiro un período medio de pago de 23,1 días, o terceiro máis baixo de toda España, por detrás do País Vasco e de Asturias.

Deste xeito, os datos oficiais da Administración do Estado mostran que o período medio de pago de Galicia mantívose case sete días por debaixo do límite que establece a normativa estatal, que é de 30 días. Ademais, a media autonómica situouse en 35,3 días, 12,2 máis que a media rexistrada na Comunidade galega.

O Ministerio de Facenda emprega desde abril de 2018 unha nova metodoloxía de cálculo do período medio de pago a provedores, que se aplica a todas as autonomías.

R.