Galicia é a segunda comunidade na que máis baixa o paro superando a caída media do estado en dous puntos e medio

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado na visita que realizou a Emprega-Te III, o programa integrado de emprego que, co apoio da Xunta, desenvolve a asociación de comerciantes Compostela Monumental. Toca destacou que na evolución mensual o paro tamén caeu, nun 0,62%, o segundo maior descenso desde a crise económica en termos relativos (desde 2014), mentres que no conxunto de España subiu (+0,10%). As afiliacións tamén crecen con respecto a xaneiro, nun 0,50%, sendo a subida maior que a rexistrada no Estado (+0,37%). Galicia sumou en febreiro 176 afiliados máis ao día. É, ademais, o segundo maior incremento nun febreiro desde a crise económica.

Polo miúdo, e, en canto á evolución anual, a secretaria xeral sinalou que o desemprego cae nos colectivos prioritarios para a Xunta: mulleres (-6,52%), menores de 30 anos (-6,22%) e parados de longa duración (-13,26%). De feito, e con respecto a este último colectivo, subliñou que 4 de cada 5 persoas que saíron do paro no último ano eran parados de longa duración. O desemprego tamén descendeu en todos os sectores de actividade liderando a caída a construción (-18,55%), seguido da agricultura e a pesca (-8,46%), da industria (-8,43%) e dos servizos (-5,96%). Ademais, rexistrouse unha baixada nas sete grandes cidades e nas catro provincias galegas. Lugo é a provincia onde máis descende (-9,66%), seguida de A Coruña (-8,31%), de Pontevedra (-7,59%) e de Ourense (-4,06%).

Con respecto á evolución mensual, a secretaria xeral de Emprego apuntou que Galicia pasou de rexistrar seis febreiros consecutivos aumentando o número de parados con respecto ao mes anterior (2008-2013) a seis febreiros seguidos diminuíndo o desemprego (2014-2019).
Mercado laboral feminino

Toca, ademais, resaltou a mellora do mercado laboral feminino, un colectivo no que, ademais de baixar o paro no último ano, subiron as afiliacións nun 2,13%. Con respecto á caída do desemprego, indicou que Galicia acada a menor cifra de paro feminino nun mes de febreiro de toda a serie histórica (1996) e que catro de cada cinco mulleres que abandonaron as listas do paro no último ano eran paradas de longa duración (-11,27%). Ademais, as 482.302 mulleres afiliadas á Seguridade Social representan case a metade do total (48,4%), tres puntos máis que en 2009.

Así mesmo, e lembrando datos da última Enquisa de Poboación Activa (EPA), explicou que seis de cada dez asalariadas contan cun contrato indefinido e a tempo completo, superando a España en case medio punto e que a taxa de paro feminina é a menor dos últimos 10 anos. Expuxo, ademais, que Galicia conta con máis emprendedoras e directivas e que a Comunidade galega, ademais, é a segunda con maior ritmo de crecemento dos salarios femininos e a fenda salarial reduciuse desde o inicio da crise económica en catro puntos.

Para seguir avanzando no camiño da igualdade, a secretaria xeral de Emprego apelou á implicación de todos os axentes económicos e sociais lembrando que Xunta, patronal e sindicatos teñen na igualdade entre homes e mulleres un dos seus asuntos clave no proceso do diálogo social. A Administración galega presentará este mes un estudo que servirá de base para o programa de igualdade retributiva creado este ano.

A Xunta, ademais, seguirá impulsando o traballo entre as mulleres a través do programa Emprega en feminino que desde hai dous anos acadou 35.000 beneficiarias de axudas e máis de 60.000 servizos a través de medidas como as axudas para a contratación de Emprega Muller, que inclúen un bono formación; o acceso prioritario á formación; ou Executivas de impulso a habilidades directivas. A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de aprobar, ademais, a nova Estratexia galega de RSE que ata 2021 inclúe, entre outros, medidas para fomentar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal.
Programas Integrados de Emprego

Con respecto á visita ao Programa Integrado de Emprego Empréga-Te III, que a Xunta financia nun 80% e que desenvolve Compostela Momumental, explicou o alto grao de inserción laboral desta iniciativa que ofrece aos 100 desempregados que están participando na actualidade formación no sector do comercio e da hostalería e prácticas en empresas da contorna. De feito, os alumnos e alumnas participaron hoxe nunha charla con empresarios para coñecer o que máis valoran dos traballadores á hora de contratar persoal.

Na actualidade, estanse desenvolvendo en toda Galicia 48 programas integrados para apoiar a 4800 desempregados. Así, coa participación de 58 concellos e 24 entidades e cun investimento de 11 millóns de euros, a Xunta sigue apostando pola colaboración para dar novas oportunidades laborais á cidadanía.
R.