A Amtega e Gartner inician unha colaboración estratéxica para achegar as tecnoloxías disruptivas ao ecosistema dixital galego

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a consultora Gartner inician unha colaboración estratéxica para achegar as tecnoloxías disruptivas ao ecosistema dixital galego. O acordo que foi anunciado hoxe pola directora da Amtega, Mar Pereira, facilitará o acceso a contidos elaborados por expertos de primeiro nivel en tecnoloxía que esta consultora internacional ten ao redor do mundo.

A director da Amtega, que clausurou hoxe a primeira edición do Foro Gartner en Galicia ante responsables de transformación dixital de empresas TIC e doutros sectores, apuntou tamén que a Axencia contará co asesoramento especializado de Gartner na elaboración da futura estratexia dixital post 2020.

Para Mar Pereira, no contexto actual no que as tecnoloxías evolucionan vertixinosamente é fundamental para o sector tecnolóxico dispoñer de información de valor das novas tendencias e mercados para poder adoptar adecuadamente decisións estratéxicas para a súa competitividade.

Por outra banda, a directora da Amtega destacou a importancia que o actual Goberno galego lle dá á tecnoloxía como elemento transversal cun departamento baixo a tutela directa da Presidencia. Unha axencia concibida para sumar esforzos de cara á transformación dixital da Comunidade. Una transformación que, segundo destacou Pereira, tense que traducir en que os galegos “o noten”.
R.