Galicia acadou desde 2015 un aforro anual de 115 millóns en xuros

Galicia acadou desde 2015 un aforro anual de 115 millóns de euros en xuros da débeda, grazas ao control da débeda e a política rigorosa efectuada pola Xunta, e agora vai ser unha das comunidades autonómicas que se beneficien das boas condicións que ofrecen os mercados financeiros, segundo explicou hoxe o director xeral de Política Financeira e Tesouro, David Cabañó.

Nunha resposta parlamentaria, Cabañó confirmou que Galicia cumpre os requisitos para poder combinar o financiamento nos mercados coa permanencia no Fondo de Facilidade Financeira, o mecanismo habilitado pola Administración do Estado para as comunidades cumpridoras. Galicia cumpre os obxectivos de estabilidade, o límite de débeda e regra de gasto; cumpre o límite de pago a provedores, sendo a comunidade líder en España; e conta coa cualificación crediticia de grao de investimento, e ao cumprir todos estes requisitos poderá simultanear as dúas fontes de financiamento (mercados e fondo de facilidade).

O director xeral detallou que o retorno de Galicia aos mercados será gradual, e a previsión é que neste 2019 a metade do financiamento procederá dos mercados e a outra metade realizarase a través do Fondo de Facilidade, mentres que nos seguintes anos incrementarase de xeito paulatino a presenza nos mercados. Deste xeito, a Xunta de Galicia será unha das comunidades que se poderá aproveitar da abundante liquidez, dos tipos historicamente baixos e da elevada demanda dos investidores.

Ademais, David Cabañó sinalou que Galicia seguirá apostando pola diversificación dos instrumentos financeiros e por un alongamento da vida media da carteira de débeda, aproveitando as actuais condicións de financiamento que ofrece o mercado. Tamén confirmou que Galicia solicitou hai unhas semanas a autorización á Administración do Estado para realizar unha emisión de bonos por un importe de 400 millóns de euros.

Líder en control da débeda

Galicia é a comunidade de referencia no control da débeda pública, tal como mostran cada trimestre os datos oficiais do Banco de España. De feito, é a comunidade que menos aumentou o seu volume de débeda desde 2009 e grazas a iso agora é a 4ª comunidade con menor endebedamento de toda España, cando en 2008 tiña máis débeda que a media.
R.