Xunta e sindicatos anuncian un acordo histórico para a mellora do emprego e das condicións de traballo dos profesionais da Función Pública

Máis polo miúdo, o presidente da Xunta explicou que o dito acordo se asentará en catro piares: A mellora do Emprego Público e das condicións de traballo, a aposta polos procesos de funcionarización do persoal laboral fixo, o desenvolvemento da carreira profesional e nunha maior oferta de emprego público.

Deste xeito, dixo, reducirase a taxa de temporalidade ata situala no entorno do 7% e incrementaranse os salarios en 2019 e 2020. En canto ao incremento das retribucións, explicou que a suba será do 2,25% neste ano que comeza, aboándose dito aumento xa na nómina do mes de xaneiro, o que implicará un incremento duns 810 euros anuais de media, abundou. A este aumento, que beneficiará a uns 100.000 traballadores, poderá engadirse un 0,25% adicional a partir de xullo se o crecemento do PIB en España é igual ou superior ao 2,5%. Ademais, no seguinte ano, engadiu, o aumento fixo mínimo será do 2% e o variable do 1% se o PIB crece na proporción antes citada, ao que se engadiría a suba adicional do 0,55% en 2021.

En segundo lugar, establécese o desenvolvemento dos procesos de conversión en funcionario do actual persoal laboral fixo, coa finalidade de unificar nun só os réximes de persoal e igualar as condicións laborais. Un proceso voluntario ao que poderá acollerse a práctica totalidade do persoal.

O terceiro dos piares, o desenvolvemento da carreira profesional, que xa está implantada no Sergas e recoñece a valía profesional e incentiva a formación continua, estenderase agora aos servizos administrativos e sociais. Os beneficiarios recibirán, de maneira progresiva, unha contía anual por grao de carreira de entre 760 e 2.460 euros segundo a categoría.

Finalmente, o cuarto piar, cumpre co obxectivo de convocar un mínimo de 4.300 prazas de emprego público –tanto de acceso libre como de funcionarización- entre os anos 2019 e 2020. Unha cifra, que tal e como explicou o titular da Xunta, non incluirá as ofertas de educación e sanidade, polo que a cantidade global será aínda maior.

En definitiva, destacou, un conxunto de obxectivos que se plasman nun acordo que é froito do diálogo social entre Administracións e organizacións sindicais, que é o máis importante da historia pola súa importancia, afectación económica, polas certezas que achega e pola súa capacidade transformadora.

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, destacou que o acordo acadado coas organizacións sindicais reducirá a desigualdade entre os traballadores da Administración autonómica, ao tempo que aposta pola súa estabilidade e por recoñecer o seu desempeño profesional, o que redundará nun mellor servizo público para a cidadanía.
R.