Médicos, enfermeiros, farmacéuticos e traballadores sociais de todas as áreas sanitarias comezaron hoxe as reunións para traballar nun novo modelo de atención primaria

A esta primeira xornada de hoxe, na que estivo presente o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, estaban convocados os médicos, enfermeiros, farmacéuticos e traballadores sociais. Para xornada de mañá están citados o persoal de servizos xerais e os fisioterapeutas.

Os grupos de traballo propostos por Sanidade abordarán específicamente, a reorganización e a creación de equipos para identificar os novos roles dos profesionais que traballan na atención primaria; as medidas encamiñadas á atención da demanda con calidade e seguridade; a priorización do plan de investimentos previstos para este ano na atención primaria; as relacións entre a atención hospitalaria e a primaria; a formación e a investigación; e as relacións cos pacientes a través das novas plataformas tecnolóxicas aplicadas á saúde.

Algunhas das primeiras propostas para seguir avanzando na mellora da atención primaria atenderán á creación dun interlocutor propio para os servizos de primaria dentro da estrutura das áreas sanitarias, á ampliación das prazas MIR na Comunidade Autónoma de Galicia, ou o incremento progresivo na contratación dos enfermeiros especialistas en medicina familiar e comunitaria.

O plan de traballo acordado programouse para poder contar coas primeiras conclusións de expertos no vindeiro mes de febreiro.

Dende a Consellería de Sanidade estase a traballar xa en medidas como o establecemento de novas fórmulas contractuais, para dar unha maior estabilidade laboral e fidelización de médicos de familia e pediatras de atención primaria dun mínimo dun ano.

Outras das medidas tomadas polo Sergas son a convocatoria anual de OPEs dende 2012 e o incremento da oferta de prazas MIR, realízándose no 2018 a maior oferta de prazas MIR dos últimos anos, con 404 prazas.

Ademais, Galicia é a primeira comunidade en contratar en Atención Primaria profesionais EIR (enfermeiros internos residentes) das categorías de familia e pediatrías. Asemade, optouse por favorecer o retraso da idade de xubilación, para aqueles facultativos especialistas que o desexen, ofertando prórrogas de permanencia no servizo.
R.