O número de fogares galegos que chega con moita dificultade a fin de mes decrece 2,69 puntos, segundo o IGE

No que se refire ás medidas económicas tomadas polos fogares galegos (para reducir gastos ou aumentar ingresos) nos últimos tres meses en relación co trimestre anterior, a enquisa recolle diminucións en todos os indicadores, que van desde a redución 1,35 puntos daqueles que precisaron cambiar os seus hábitos de compra mercando marcas brancas, ou produtos de oferta (o 11,51% dos fogares galegos) ata a diminución de 0,1 puntos dos fogares nos que algún membro tivo que poñerse a traballar ou aumentar a xornada de traballo (o 0,71%).

Previsións e indicadores de confianza

En canto ás medidas económicas que esperan realizar os fogares nos próximos tres meses, 0 63,54% dos fogares manifesta que ten pensado saír a cear, a cafeterías, ir ao cine ou ao teatro. O 62,79% pensa facer algún extra en produtos de alimentación. O 39% espera aforrar algúns cartos e o 11,84% prevé realizar algunha compra extraordinaria en roupa ou calzado.

A enquisa reflicte igualmente que o 18,61% dos fogares galegos está pagando a vivenda principal na que habitan; o 10,73% o coche e o 1,67% unha segunda vivenda. Con respecto do mesmo trimestre de 2017, aumentou en 2,80 puntos a porcentaxe de fogares que está a pagar a súa vivenda habitual. No cuarto trimestre de 2018 diminuíron tres dos catro indicadores parciais de perspectivas de evolución que configuran o Indicador de Confianza do Consumidor (ICC). Só aumentou o indicador de capacidade futura de aforro, que sube 0,19 puntos.
R.