Galicia aplicará desde o 1 de xaneiro as novas rebaixas fiscais incluídas nos orzamentos para 2019, que se publican hoxe

Os Orzamentos para 2019 establecen un gasto de 9.850 millóns, 363 máis que este ano -un 3,8% máis-, o que permitirá reforzar o gasto social, facer máis investimentos, impulsar a creación de emprego e aplicar novas baixadas impostos. Galicia disporá así de 1.464 millóns máis que en 2014, cunhas contas centradas no crecemento, os servizos e as persoas.

O aumento de recursos permitirá reforzar noutros 270 millóns o gasto social e tamén aumentan un 7% os fondos para o fomento do emprego, ata os 254 millóns, coa previsión de crear no 2019 uns 15.000 novos postos de traballo a tempo completo. En canto aos investimentos, os Orzamentos aumentan un 5,2% os gastos de capital, ata os 1.652 millóns.

Novas baixadas de impostos

O 1 de xaneiro tamén entrarán en vigor as novas rebaixas de impostos incluídas nestes Orzamentos, que se unen ás xa aprobadas polo Goberno galego nos últimos anos, como a do IRPF, a do Imposto sobre Sucesións ou o programa de impostos cero no rural.

Entre as novidades está a rebaixa do 8% ao 7% no Imposto sobre Transmisións Patrimoniais (ITP) no caso de vivenda usada para uso habitual, unha baixada que será do 4% ao 3% no caso de familias numerosas, persoas con discapacidade e mozos menores de 36 anos. A Xunta estima que esta rebaixa vai beneficiar uns 10.000 galegos ao ano.

O 1 de xaneiro tamén entrará en vigor a baixada no Imposto sobre Sucesións e Doazóns nas herdanzas entre irmáns, de xeito que o 60% destas herdanzas quedarán libres de tributación. A Xunta tamén reverte a suba do Imposto sobre o Patrimonio de 2013, de modo que Galicia volve ter a tarifa estatal, e apróbanse novas deducións no eido da innovación.
R.