Galicia pon en marcha a primeira Estratexia galega de economía social que impulsará 25 medidas ata 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a posta en marcha da primeira Estratexia galega de economía social que, cun orzamentos global de 73 millóns de euros, impulsará un total de 25 medidas ata 2021, co obxectivo de xerar 3.000 empregos e crear 300 novas entidades neste eido.

Trátase dunha iniciativa consensuada co sector para crear novas oportunidades de negocio en empresas que están enfocadas ás persoas e que contan cunha maior cohesión territorial e social.

En concreto, esta estratexia está dirixida, principalmente, ás cooperativas, ás sociedades laborais, aos centros especiais de emprego e ás empresas de inserción laboral. En total, 3.000 entidades que xeran preto de 14.500 empregos e que contan cun volume de negocio próximo aos 3.000 millóns de euros.

Durante a súa intervención, Feijóo precisou que o obxectivo final da nova Estratexia Galega de Economía Social será incrementar nun 10% as entidades de economía social, chegando ás 3.300; aumentar nun 20% os empregos, ata os preto de 17.500; potenciar a presenza feminina nestas entidades, acadando o 50% de mulleres promotoras nas novas cooperativas e sociedades laborais; e reducir á metade o tempo de constitución destas entidades, favorecendo o procedemento electrónico e mellorando a organización dos rexistros.

Por outra banda, e entre os retos aos que se enfronta esta folla de ruta, destacou o de sumar capacidades, para o cal se destinarán 24 millóns de euros. Neste sentido, impulsaranse iniciativas como: un programa de fomento da economía social entre o alumnado universitario e de formación profesional; a creación de cooperativas escolares entre os estudantes de Primaria e Secundaria para que coñezan este sector e os seus valores; ou a aprobación de incentivos ao emprendemento para as empresas de nova creación baseadas na tecnoloxía e na economía colaborativa e circular. Ademais, reforzaranse as iniciativas de formación como os laboratorios cooperativos.

Ao segundo reto, para sumar sustentabilidade, destinarase unha achega de 46,5 millóns de euros. O presidente da Xunta resaltou que se fomentarán proxectos de innovación; facilitarase a internacionalización; buscaranse novos mecanismos de financiamento; promoverase a produción responsable; actualizarase o marco normativo e favorecerase o acceso á contratación pública.

Neste sentido, como novidade, apoiaranse os procesos de cooperación e integración empresarial para que estas entidades gañen en competitividade; adecuarase a normativa galega no ámbito das cooperativas, centros especiais de emprego e empresas de inserción ás necesidades actuais; modernizaranse os rexistros destas empresas para facilitarlles os trámites e mellorar a recompilación de información; impulsaranse programas de financiamento, como o do Fondo de Economía Social de XesGalicia; e apoiarase ás entidades que promoven a inserción laboral das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión.

Por último, e co obxectivo de sumar identidade, investiranse 2,5 millóns de euros para desenvolver medidas encamiñadas a mellorar a visibilidade e o coñecemento destas entidades, entre as que destacan: a publicación dun catálogo da economía social onde se analizará o sector; novas campañas de difusión; a activación do Consello Galego de Economía Social; e a dinamización da Rede Eusumo.
R.