As Universidades de Santiago e Vigo participarán nos consorcios europeos de investigación para impulsar proxectos de bioloxía mariña e descubrimento de fármacos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa de Consello, a autorización de dous convenios de colaboración entre a Xunta e as universidades de Vigo e Santiago de Compostela para facilitar a súa participación por primeira vez en dous Consorcios Europeos para as Infraestruturas de Investigación por un valor aproximado de 560.000 euros, dos que a Xunta achegará a metade.

En concreto, detallou que a Universidade de Vigo participará no consorcio europeo Embrc centrado na bioloxía e economía mariña co proxecto da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, única a nivel mundial para investigar en acuicultura sobre os efectos do cambio climático. Mentres que, a Universidade de Santiago de Compostela, dixo, participará no consorcio Openscreen a través da plataforma Innopharma, liderada polos doutores Ángel Carracedo e Mabel Loza, para o descubrimento temperá de fármacos.

A este respecto, o titular do Goberno galego sinalou que estes consorcios teñen un triplo obxectivo: axudar aos grupos de investigación europeos a incrementar a captación de recursos mediante a prestación conxunta de servizos, aumentar a captación de fondos europeos e favorecer o acceso a novos mercados competitivos.

Feijóo lembrou ademais que este novo paso de cara á excelencia da investigación científica galega, súmase á resolución hai dúas semanas da quinta edición do Programa de Unidades Mixtas de Investigación (UMI).
R.