Galicia aposta pola biotecnoloxía, que se vai converter nun dos sectores estratéxicos

O tecido empresarial do ecosistema galego de biotecnoloxía estivo representado por Bioga e o Clúster da Saúde de Galicia, as tres Universidades, e conta co impulso da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS).

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, considera que Galicia está a marcar fitos neste sector como o de contar coa primeira incubadora de fármacos de España da man da Fundación Kaertor e Janssen, impulsar cinco Unidades Mixtas de Investigación no sector bio nas que colaboran empresas da talla de Roche, Laboratorio Esteve, Jealsa-Escurís, Calvo ou Coren e a próxima posta en marcha en Santiago, xunto coa Fundación Incyde, dunha aceleradora especializada no sector biotecnolóxico.

Recordou o conselleiro, que acudiu á Feira para apoiar ao sector, que se ven de poñer en marcha a Estratexia Galega de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020, dentro do que xa están en marcha máis do 80% das accións previstas, mobilizándose 107 millóns de euros (Máis do 50% do previsto), salientando que a tecnoloxía vai camiño de converterse nun dos sectores estratéxicos da economía galega, no que xa factura anualmente 258 millóns de euros.

A feira celebrada e Sevilla estivo centrada no campo biomédico, pero tamén abarcou os campos agroalimentario, o industrial ou a bioeconomía, considerando a Xunta – sinalou o conselleiro - que se trata dunha importante ocasión para dar a coñecer o que Galicia está realizando para converterse nun referente.

Ecosistema biotecnolóxico da Comunidade galega

A cuarta parte das empresas biotech galegas xa iniciaron o seu proceso de internacionalización, tendo como obxectivos a captación de investimentos para o sector, no que as mellores oportunidades se atopan en eidos como os novos produtos para o lácteo, os recursos mariños, o envellecemento activo ou o descubrimento de fármacos.

Falou o conselleiro, con motivo desta Feira, para potenciais investidores e business angels, no marco da presentación do Ecosistema galego de Biotecnoloxía, sinalando que todos os avances que nestes últimos anos se foron producindo nesta industria débense ao traballo proactivo, coordinado e transversal de todos os axentes, a través da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2020, que mobilizará 200 millóns en investimentos. Do mesmo xeito, lembrou Conde, desde a posta en marcha da Estratexia tamén se fundaron 11 novas compañías biotech, alcanzando o cento de empresas que se dedican en Galicia en exclusiva a producir biotecnoloxía, cun investimento en I+D de 37 millóns de euros, e xa se teñen creado 125 novos empregos no sector.

O titular de Economía sinalou que, ao tempo que se aposta por reforzar o sistema galego de saúde, avanzando en novos produtos e servizos para os cidadáns, a biotecnoloxía galega posiciónase como unha tecnoloxía facilitadora e como valor engadido na industria galega, en sectores como a pesca, a agricultura, ou o ámbito sociosanitario.

Innovación no sector biotecnolóxico

O sector biotecnolóxico está chamado a ser un dos terreos con máis oportunidades de crecemento nos próximos anos e, para Galicia, é un dos eidos clave dentro da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3). Así, a Xunta conta, desde 2016, coa Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2020, que mobiliza 200 millóns en investimentos.

A posta en marcha da Estratexia contou coa participación e colaboración de 66 axentes do sector entre empresas, universidades, fundacións, sistema hospitalario, centros tecnolóxicos e de investigación, clústers e asociacións e a propia Xunta que aposta por seguir nesta senda da colaboración e do traballo conxunto para dar o impulso definitivo a un sector no que Galicia está chamada a ser un referente.

A Estratexia de Especialización Intelixente afronta os dous próximos anos en Galicia co obxectivo de incidir nesa cohesión do ecosistema biotecnolóxico a través dos futuros Hubs de innovación dixital.
R.