Xunta e Goberno central abordan coordinadamente a preparación do Cumio Ibérico

Durante a súa reunión no Ministerio de Política Territorial e Administracións Públicas, Gamallo defendeu as propostas específicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, realizadas conxuntamente entre a Xunta de Galicia e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), entre as que se inclúen a importancia de avanzar na prolongación da actual liña de alta velocidade A Coruña-Vigo, en dirección Portugal, o apoio á terceira interconexión gasista entre España e Portugal, ou unha aposta decidida pola colaboración entre administracións públicas ante os desafíos relacionados co problema demográfico nunha tripla perspectiva: dinamización demográfica, loita contra a exclusión territorial e fomento do envellecemento activo; de tal forma que a dinamización demográfica e a xestión do declive poboacional que comparten estes territorios sexa un obxectivo transversal de todas as estratexias das administracións fronteirizas.

Outro dos asuntos que foi obxecto de especial atención durante a reunión co Secretario de Estado foi a aposta pola promoción conxunta do Camiño portugués a Santiago e das súas diferentes vías, como eixo vertebrador de desenvolvemento e cohesión, e coa vista posta no próximo Xacobeo 2021.

Os Cumios Hispano-Portugueses

Os Cumios ibéricos (tamén chamados Cumios Hispano-Lusos ou Hispano-Portugueses) son reunións anuais bilaterais entre o Presidente do Goberno de España e o primeiro Ministro de Portugal. Adoitan asistir, ademais, os titulares dos departamentos ministeriais.

Nos Cumios trátanse asuntos de actualidade que interesan a ambos os gobernos, así como proxectos de cooperación entre os dous países. Os últimos Cumios tiveron lugar en Vidago (2014), Baiona (2015) e Vila Real (2017). En 2018 o Cumio terá lugar en Valladolid, o 21 de novembro.
R.