Galicia é a comunidade na que máis baixa o paro en xullo e na que máis crecen as afiliacións á Seguridade Social

Así o destacou hoxe a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, que explicou que os datos de paro que se coñeceron hoxe confirman que o mercado laboral galego continúa mellorando coa creación de emprego de calidade e con menos paro.

A Comunidade galega conta con 163.412 parados, polo que o paro reduciuse no último ano nun -10,15%, é dicir, hai 18.459 desempregados menos que en xullo de 2017. Trátase da maior caída nun mes de xullo desde 1999 en termos relativos, encadeando xa cinco anos consecutivos de baixadas do paro neste mes.

Ademais e, segundo valorou a secretaria xeral de Emprego, o desemprego está baixando desde que comezou o ano unha media do 10% polo que, de manterse esta tendencia, superarase o obxectivo fixado na Axenda 20: reducir o paro en 20.000 persoas ao ano.

Toca afirmou que os datos coñecidos hoxe confirman que o mercado galego non só conta con menos galegos en situación de desemprego, senón que se continúa creando emprego de calidade. Galicia supera o ritmo de caída do paro de España tanto na evolución anual como mensual e con respecto ás afiliacións, a Comunidade galega conta con máis dun millón de afiliacións (1.021.545), unha cifra que non se alcanzaba desde xullo de 2011, desde hai 7 anos. O incremento anual sitúase nas 24.947 afiliacións (+2,50%), a maior subida desde 2007. Encadéanse, polo tanto, cinco subidas consecutivas nun mes de xullo.

O incremento de afiliacións, en palabras de Toca, segue sendo maior que a redución de parados. Afirmou, así mesmo, que a Comunidade galega leva nove meses consecutivos nos que supera o aumento do 2% e das 20.000 afiliacións

Con respecto ao número de contratos, apuntou que a contratación indefinida aumentou nun 21,25%, case 12 puntos máis que o reflectido na temporal, e que a tempo completo incrementouse na evolución anual nun 13,57%, máis do dobre que o aumento producido a tempo parcial. En Galicia, en global, asináronse 10.990 contratos máis que hai un ano. O número de contratos aumentou en maior proporción que no Estado tanto na evolución anual como mensual.

O paro, ademais, tal e como asegurou a secretaria xeral, baixou tamén nas principais variables: nas catro provincias e sete grandes cidades; en todos os sectores de actividade; nos menores de 30 anos (-12,18%); nas mulleres (-7,84%); e nos parados de longa duración (-8,63%). Sobre este último colectivo, Toca subliñou que 2 de cada 5 desempregados que saíron do paro nos últimos 12 meses pertencían a este colectivo. Con respecto ás provincias, lidera a caída a de Pontevedra (-12,13%); seguida da de Lugo (-11,11%); da de Ourense (-9,48%); e da de Coruña (-8,11%).

Por sectores de actividade, o maior descenso ten lugar na construción (-20,42%); seguido da industria (-12,69%); da agricultura e pesca (-12,21%); e dos servizos (-8,31%).

Galicia toma a dianteira

A secretaria xeral de Emprego, unha vez avaliados os datos, sinalou que Galicia está a tomar a dianteira na caída do número de desempregados (nos primeiros sete meses do ano, Galicia posiciónase entre as tres primeiras rexións nas que máis baixa o desemprego na evolución anual en termos relativos).

Explicou, ao respecto, que as políticas activas de emprego que a Administración autonómica executa, a través da Axenda 20, unha planificación “axeitada e coordinada”, están mellorando o mercado laboral de Galicia. O grado de cumprimento das políticas en materia laboral están permitindo, segundo engadiu, que Galicia poida contar cada vez con máis recursos para poñer en marcha máis programas para incrementar as oportunidades laborais dos galegos.

Indicou, así mesmo, que a formación é chave para crear emprego e, por iso, expuxo que a Xunta está reforzando as súas iniciativas de formación á carta con 135 millóns de euros este ano co obxectivo de dar resposta aos retos da Industria 4.0 e aos novos perfís profesoinais que demanda o tecido produtivo galego. Lembrou que son as propias empresas as que elixen e imparten as accións formativas e recordou que grazas a esta premisa e, a través das Unidades Formativas na Empresa, deseñáronse, a petición das propias compañías, 27 novos plans de formación á carta que foron aprobados polo Estado.

Por último, Toca referiuse ao apoio do Goberno galego ao emprendemento como camiño tamén para seguir xerando novas oportunidades laborais. Neste senso, lembrou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha a Estratexia Autónomo 2020 para axudar ao talento galego a desenvolver as súas ideas con 40 millóns ao ano. Este ano puxéronse en marcha dúas novas iniciativas. Os prazos de solicitude aínda están abertos tanto para as axudas para apoiar aos autónomos no relevo xeracional como para darlles unha segunda oportunidade.
R.