El Parlamento de Galicia aprueba unánimemente instar a la Xunta para que el Santander mantenga la marca del Banco Pastor en Galicia

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposición non de lei, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, a través da que se insta á Xunta para que vele porque o cambio na propiedade no Banco Pastor teña para Galicia o menor impacto posible sobre a concesión de crédito e o emprego, ao tempo que expresa a firme convicción da Cámara de defender diante do Banco de Santander que o Banco Pastor teña a condición xurídica de filial integrada dentro do grupo bancario.

A través desta proposición non de lei, que recolle integramente o xa aprobado na Comisión 3ª, o Parlamento manifesta a súa solidariedade con todas as persoas que traballan no Banco Pastor, na súa Fundación e nas numerosas empresas auxiliares, así como coas persoas afectadas, coa clientela e co seu accionariado.

Neste sentido, insta á Xunta a velar para que os posibles axustes no Banco Popular se fagan co maior acordo posible e defendendo os intereses dos traballadores no eido das competencias que ten a Xunta de Galicia.

Outro dos puntos apoiados por todos os grupos parlamentarios na sesión plenaria solicita da dirección do Banco Santander a compensación das perdas sufridas polos pequenos accionistas do Banco Pastor, tendo especial consideración cos que accederon á última ampliación de capital, de maneira que poidan recuperar o seu investimento. Ademais, pídese ao Banco Santander que manteña os compromisos adquiridos polo Banco Popular coa Fundación Barrié, para que poda seguir desenvolvendo a súa labor social e cultural con recursos suficientes.

A proposición non de lei solicita aos órganos de supervisión bancaria e do mercado a investigación das últimas ampliacións de capital e emisións de accións, co obxecto de determinar se os subscritores contaron cunha información clara, nidia e precisa para poder levar a cabo os seus investimentos.

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, considerou “unha mala nova para Galicia a desaparición do Banco Popular-Pastor” e solicitou “unha investigación sobre o proceso da súa venda”. Neste sentido, lembrou que o Congreso dos Deputados xa está investigando este proceso e reiterou que o Parlamento galego “non é o ámbito no que se deba investigar”.

Porén, salientou que “a intervención do Banco Popular implicou que non houbo que poñer cartos dos cidadáns, non afectou ao conxunto do sistema financeiro español e salváronse todos os depósitos dos clientes”.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:

A portavoz de Economía do grupo socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, defendeu unha proposición non de lei no Pleno do Parlamento para reclamar “unha mensaxe de apoio unánime” de todos os grupos políticos aos traballadores e pequenos accionistas do Banco Popular-Pastor e reclamarlle ao novo propietario, o Banco Santander, que manteña a marca Banco Pastor en Galicia, que se minore o impacto da operación de venda no crédito e o emprego e que se manteñan as actividades da Fundación Barrié. A proposta socialista foi aprobada por unanimidade.

A socialista, que lembrou que o portavoz Xoaquín Fernández Leiceaga xa lle remitiu unha carta á presidenta do Banco Santander con estas reclamacións, considerou unha “moi mala noticia” para Galicia este novo cambio de titularidade, xa que a comunidade conta con case o 29% das oficinas de toda España dun banco con “longa historia e arraigo” cuxa venda supón “o punto e final do tecido financeiro” da nosa comunidade. “En 2008 o panorama financeiro de Galicia tiña dúas caixas e tres bancos, e agora só dous bancos teñen máis de dous terzos do mercado, cun oligopolio moi forte e elevado risco para os consumidores”, afirmou.

Rodríguez Rumbo trasladou a súa preocupación polo axuste laboral que afecta a 1.200 traballadores e traballadoras, polas consecuencias no crédito a familias e pemes e a exclusión financeira en moitos municipios do rural, pola perda de aforros dos pequenos accionistas, polos investimentos da Barrié en acción social, ciencia, educación e cultura e pola falta de confianza no papel dos reguladores bancarios.

Por todo isto, as reclamacións aprobadas no Parlamento dirixidas aos novos propietarios inclúen que o Banco Pastor manteña a condición xurídica de filial integrada dentro do grupo bancario, como sucedía coa integración no Popular, e que o cambio de propiedade “teña o menor impacto posible no crédito e no emprego, coa defensa dos dereitos dos traballadores”. Tamén piden a compensación das perdas sufridas polos pequenos accionistas, en especial os da última ampliación de capital, e que o Santander manteña os compromisos adquiridos coa Fundación Barrié con recursos suficientes. Ademais, solicitan aos órganos de regulación “unha investigación das últimas ampliacións de capital” e coñecer “se houbo información clara e precisa” para que os accionistas puidesen levar a cabo os seus investimentos con garantías.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:

A portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, criticou o veto do PP á proposta do Bloque para que a Comisión das caixas de aforro aberta na Cámara ampliase o seu obxecto de investigación para incluír a estafa do Banco Pastor, que deu a puntilla ao sistema financeiro galego e deixa miles de galegos e galegas estafadas.

“Nunha estafa ou se está cos e coas estafadas ou se está cos estafadores”, salientou Presas tras coñecer o voto en contra do PP á proposta nacionalista. O BNG defendeu unha investigación no Parlamento galego despois de que tivesen fallado todos os controis a nivel estatal.

“Esta estafa é o final dunha cadea de decisións políticas e na supervisión”, explicou Presas, “os gobernos galegos e estatal, así como os organismos reguladores tiveron unha importante responsabilidade na caída do Banco Pastor”, e neste contexto, “non cabe dicirlle aos supervisores que se supervisen, sería como se alguén copia nun exame e deixamos que se vixíe a si mesmo”, argumentou.

Fallou o control do Banco de España, da CNMV, da empresas auditoras, e dos gobernos central e galego,- denunciou-, “e da noite para a mañá precipitouse unha entidade que viña de superar os test de estres europeos e avalada polo Banco de España”, indicou.

Como consecuencia, Galiza perde unha entidade propia e centenaria, miles de persoas, incluídos traballadores e traballadoras, estafadas, centos de empregos na picota e unha oferta bancaria canda vez máis centralizada e concentrada.

“Neste contexto era necesario investigar as causas e consecuencias para o noso país deste proceso, debémosllo a todas as xeracións que o pagarán, investigar o impacto da progresiva concentración e centralización e as súas negativas consecuencias para Galiza”, concluíu Presas.
R.