A EGAP fai balance da súa actividade no primeiro semestre do ano cun total de 610 actividades e 31.775 prazas convocadas

De entre elas destacou as relativas á prevención e loita contra a violencia de xénero, xa que un ano máis a Escola incrementou esta formación coa programación de 49 cursos nunha convocatoria específica dirixida a todo o alumnado incluído no Plan de formación anual.

Por outra banda, Sonia Rodríguez-Campos incidiu no éxito de matrícula das actividades formativas en liña dirixidas a apoiar a preparación das probas selectivas para o acceso, pola
quenda de promoción interna, aos corpos superior, subgrupo A 1 de xestión, subgrupo A 2 administrativo, subgrupo C 1 e auxiliar subgrupo C 2 da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia; os cales serviron para formar a 1377 empregadas e empregados públicos.

A continuación, a directora anunciou aos membros do consello a convocatoria dunha nova edición do Premio Manuel Colmeiro, co fin de fomentar e distinguir traballos de estudo e investigación sobre as administracións territoriais, institucionais e instrumentais do sector público de Galicia e as novidades editoriais da Escola logo de rematar o proceso de conversión das revistas Regap e Administración&Cidadanía a un formato dixital.

No decurso da reunión a directora tamén avanzou as actividades que terán lugar a partir de setembro, entre as que destacou o curso superior de administración electrónica, os e-martes, unha xornada e un webinario sobre a protección de datos a partir da pandemia covid-19 ou o curso monográfico A innovación social no sector público.

Medidas covid-19

Durante a presentación do informe Sonia Rodríguez-Campos tamén resaltou o esforzo realizado polo persoal da Escola e polos seus docentes para seguir mantendo de xeito ininterrompido a actividade formativa non presencial, a pesar das restricións impostas pola covid-19. Neste sentido destacou o elevado seguimento das actividades en teleformación, nas que máis do 82% do alumnado obtivo o dereito a diploma.

Outra das medidas destacadas foi a progresiva transformación dalgunhas actividades presenciais á modalidade de telepresenza, o que deu lugar á realización de seis cursos no primeiro semestre e á programación de catorce máis a partir de setembro.

Finalmente, a directora tamén incidiu na aplicación de todos os protocolos necesarios para garantir a seguridade nas instalacións, tanto nas aulas coma no resto de espazos comúns do edificio e na posta en marcha de formación específica sobre o risco biolóxico por covid-19 dirixida a 2088 profesionais das escolas infantís e dos arquivos, bibliotecas e museos dependentes da Consellería de Cultura e Turismo.
Escola Galega de Administración Pública (EGAP)