Consolídase a FP dual, abrindo matrícula en 56 proxectos, entre eles o de Termalismo

A competencia xeral do ciclo é a de xestionar servizos relacionados co termalismo e o benestar, aplicando técnicas de hidrocinesia, técnicas hidrotermais, masaxes estéticas e programas de acondicionamento físico na auga, consonte protocolos establecidos, dinamizando as actividades personalizadas programadas e orientándoas cara á mellora da calidade de vida e da saúde. O obxectivo é conseguir a satisfacción das persoas usuarias e asegurar a prestación do servizo en condicións de calidade, seguridade e protección ambiental.

Así mesmo, no IES a Pinguela de Monforte de Lemos ofértase o novo ciclo de grao medio de Calzado e complementos de moda. A súa competencia xeral é realizar as operacións de corte de peles e materiais para a ensamblaxe, a montaxe e o acabamento, de xeito industrial e á medida, de calzado estándar, ortopédico e para espectáculos, e de complementos de moda. As persoas tituladas neste ciclo poderán traballar en empresas e talleres de fabricación industrial de calzado e artigos de marroquinaría dedicadas á preparación, o corte de materiais, a ensamblaxe, a montaxe e o acabamento de calzado e complementos de moda; así como en establecementos dedicados á elaboración artesanal de calzado á medida, ortopédico e para o espectáculo.

Ademais, a oferta inclúe a implantación de 5 cursos de especialización, dirixidos a alumnado xa titulado.

A oferta de prazas, na que se poderá formalizar a matrícula a partir de hoxe mesmo, contempla 29.178 prazas en primeiro curso en centros públicos (en números moi similares ao curso anterior), en 1.188 ciclos e programas formativos autorizados. Delas, 21.412 forman parte do réxime ordinario –8371 en grao medio, 8991 en grao superior, 3510 en FP Básica e 540 en programas formativos para persoas con necesidades específicas de atención educativa-, mentres que outras 4.198 son do réxime modular para persoas adultas –2.118 grao medio e 2.080 en grao superior-, e 2800 do réxime modular a distancia –1.000 en grao medio e 1.800 en grao superior-.

No referido á FP Dual ofértanse un total de 768 prazas (375 en grao medio e 393 en grao superior). Así, do total dos 56 novos proxectos, na provincia da Coruña entrarán en funcionamento 22 proxectos de FP Dual, na de Lugo 12, na de Ourense 7 e na de Pontevedra 15.

Modificacións

Como é habitual, a oferta de FP flutúa para adaptarse ás necesidades do tecido produtivo e ás características da poboación de cada zona, o que supón unha oportunidade laboral para os titulados. Deste xeito, o novo mapa contempla cambios en diferentes centros, a maiores das novas incorporacións en materia de FP Dual. A relación de ciclos pode consultarse xa en www.edu.xunta.es/fp/oferta-fp .
Xunta de Galicia