A Xunta estuda cos autónomos novas medidas de dixitalización e seguridade e saúde laboral para a recuperación tras o Covid-19

Na videoconferencia con representantes da Asociación intersectorial e interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia), Federación Nacional de Asociacións de Empresarios e Traballadores Autónomos-ATA Galicia e a Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (Agtamar) celebrada esta tarde, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que a Xunta quere completar as súas primeiras medidas de choque, para resultados inmediatos, con iniciativas que permitan preparar aos autónomos para o primeiro día despois do coronavirus.

Nestas medidas a dixitalización e a seguridade e saúde laboral xogarán un papel destacado e combinaranse servizos, como o apoio aos plans de reactivación, con axudas para os investimentos necesarios para ser competitivos no novo escenario, e estímulos á demanda para un colectivo clave na economía galega e que representa un de cada cinco traballadores.

Ademais, Conde lembrou que a Xunta ten xa activa unha liña de préstamos de ata 200.000 euros, cos xuros bonificados pola Xunta, para cubrir os pagos de facturas, salarios, alugueiros e impostos. Un programa que xa recibiu 690 solicitudes, que prevén mobilizar preto de 56 millóns de euros.

Tamén se recordou na xuntanza que todos aqueles que teñen préstamos formalizados coa Xunta poden solicitar o aprazamento das cotas de amortización e xuros destes meses, e devolvelas cando venzan eses préstamos, e trasladóuselle aos autónomos que a Xunta está comprometida na axilización do pago a provedores que traballan para a Administración galega, ademais de informar da suspensión dos prazos para a presentación de impostos autonómicos ata o 30 de xuño.
Xunta de Galicia