Educación convoca as oposicións docentes de 2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia os procedementos selectivos de acceso ao corpo de inspectores de educación, ao corpo de profesores de ensino secundario, ao corpo de profesores de escolas oficias de idiomas e ao corpo de profesores de artes plásticas e deseño, así como o de ingreso ao corpo de profesores de ensino secundario, ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, ao corpo de profesores de música e artes escénicas, ao corpo de profesores de artes plásticas e deseño, ao corpo de profesores técnicos de formación profesional, ao corpo de mestres e procedemento de adquisición de novas especialidades polo persoal funcionario de carreira dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores de escolas oficiais de idiomas, profesores de música e artes escénicas, profesores de artes plásticas e deseño, profesores técnicos de formación profesional e mestres da Comunidade Autónoma de Galicia.

Serán 2.354 prazas en 97 especialidades diferentes, entre as que se inclúe a de portugués, co fin de continuar dando cumprimento á Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía (coñecida como Lei Paz Andrade). O prazo de inscrición estará aberto desde o 16 de marzo ata o 6 de abril. O procedemento selectivo dará comezo o día 20 de xuño de 2020.

O resto das prazas (1.300) ata chegar ao total de .3654 contempladas na oferta pública de emprego (OPE) de 2020, son as correspondentes ao acceso ao corpo de catedráticos, que se convocarán nas vindeiras semanas.
Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional