O Clúster Transfronteirizo Biotecnolóxico suma un Hub biotecnolóxico na Zona Franca de Vigo

No acto de presentación interveu José Luis Villaverde Acuña, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da universidade compostelá (AVTE), destacando que “esta Rede de Hubs de Biotecnoloxía do proxecto CT-Bio, encaixa perfectamente na Estratexia Galega de Impulso á Biotecnoloxía e dálle un alcance transfronteirizo ao coordinar infraestruturas e capacidades de Galicia e Norte de Portugal”.

O proxecto CT-Bio enmárcase dentro do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) e ten como obxectivo o “crecemento integrador a través dunha cooperación transfronteiriza a favor da competitividade empresarial” na procura do “desenvolvemento e a implementación de novos modelos empresariais para as Pemes, en particular a internacionalización”. Trátase dunha aposta por relanzar un sector "en auxe que é moi transversal e que inflúe noutros subsectores importantes na economía da Eurorrexión, como son o forestal, o marítimo-pesqueiro, o alimentario ou o farmacéutico, entre outros".

Os seus obxectivos son mellorar a competitividade das empresas do sector e favorecer o acceso conxunto a mercados exteriores, xunto coa consolidación do sector biotech e das ciencias da vida na región transfronteiriza cunha folla de ruta conxunta e baseada na colaboración e cooperación entre axentes e empresas a ambos os dous lados da fronteira.
Universidade de Santiago de Compostela