A Galiciencia, seleccionada finalista entre as dez solucións máis inspiradoras do mundo pola Asociación Internacional de Parques Tecnolóxicos

Con 14 anos de traxectoria percorrida, a Galiciencia disputa o primeiro posto con iniciativas doutros oito países. A competición está aberta desde esta semana á votación por parte dos 350 parques de 75 países que forman a asociación, ata o mes de setembro. Será entre os días 24 e 27 dese mes cando se dea a coñecer o gañador, con motivo da Conferencia Internacional da IASP na localidade francesa de Nantes.

O Programa de Solucións Inspiradoras da IASP busca fomentar o intercambio de coñecemento e darlles visibilidade ás iniciativas máis destacadas dos parques científicos e tecnolóxicos de todo o mundo.

A competición deste ano por alzarse co recoñecemento á solución máis inspiradora enfronta a dez parques científicos e tecnolóxicos de Brasil, Estados Unidos, China, Austria, Estonia, Luxemburgo, Finlandia, Suecia e España, representada na contenda por Tecnópole.

A feira científica galega, que desde a súa primeira edición en 2006 suma un milleiro de proxectos escolares presentados e preto de 30.000 visitantes en total, converteuse xa nun referente en toda España pola súa capacidade para fomentar o achegamento dos máis novos ás vocacións relacionadas coa ciencia e a innovación. Cada ano son máis os equipos formados por estudantes de Secundaria e Bacharelato que pugnan por un dos 50 stands nos que expoñer o seu proxecto durante tres días e competir polos premios finais. Nos últimos anos sumáronse a estes tamén os estudantes de Primaria, que expoñen fóra de competición.

A exposición de proxectos compleméntase cun completo programa de actividades paralelas, nas que, a través de espectáculos científicos e talleres, tanto os participantes coma os estudantes que van de visita desde colexios de toda Galicia se achegan de maneira lúdica a coñecementos relacionados coa temática central de cada edición, como sucedeu o pasado maio coa saúde e os bos hábitos.

A candidatura da Tecnópole foi destacada polo xurado da competición internacional por contribuír á divulgación da ciencia e da innovación á sociedade en sentido amplo, animar á xuventude a orientar a súa carreira académica e profesional cara a estes ámbitos e achegar a comunidade local á actividade do parque tecnolóxico.

Dez ideas de futuro

A Galiciencia compite con iniciativas de carácter moi variado, co nexo común de promover o desenvolvemento socioeconómico a través da tecnoloxía e da innovación nos diferentes territorios nos que operan os parques tecnolóxicos finalistas.

Da mesma temática que a iniciativa desenvolvida en Galicia, figuran unha gardería dixital promovida polo Parque Científico e Tecnolóxico Lakeside, en Austria; e unha iniciativa que pon en contacto a rapaces de secundaria coas compañías que desenvolven produtos dixitais en Suecia.

Tamén focalizadas no desenvolvemento social están a transformación do parque de Río de Janeiro (Brasil) nunha galería na que se experimenta coa combinación de arte e innovación; unha iniciativa para darlle visibilidade ás mulleres innovadoras do Tech Park de Arizona (Estados Unidos); e un programa de impulso ao talento promovido por Tecnosinos (Porto Alegre, Brasil).

Completan a lista de finalistas varios programas centrados no apoio ao tecido produtivo: a colaboración entre empresas consolidadas e start-ups facilitada polo parque Tehnopol de Tallin (Estonia); un espazo de co-creación sobre a internet das cousas ideado polo parque de Shanghai (China); un programa de aceleración de empresas no que o Technoport de Luxemburgo conta coa colaboración de Vodafone; e unha aceleradora de iniciativas de negocio relacionadas co sector marítimo procedente da rexión de Turku, en Finlandia.
Tecnópole