Aberto o programa Galeuropa, que ofrece axudas para que a mocidade complete a súa formación en empresas da Unión Europea

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, abre mañá e durante un mes o prazo para acollerse ás axudas para que a mocidade galega realice prácticas formativas non laborais tanto en entidades como en empresas públicas ou privadas en países europeos ao abeiro do programa Galeuropa. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o procedemento que rexe a concesión desta liña de achegas dotada cun orzamento de case 2 millóns de euros. Cómpre lembrar que este programa se enmarca dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo.

Estímase que entre 350 e 400 mozas e mozos de entre 18 e 29 anos inscritos no ficheiro nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da comunidade –é dicir, que non estean traballando nin estudando- poidan completar a súa formación en compañías da Unión Europea. O obxectivo é que as persoas participantes adquiran durante a súa estadía de dous a tres meses en firmas empresariais de países europeos unha experiencia profesional que lles permita atopar traballo en Galicia.

Galeuropa demostrouse útil para aumentar as oportunidades de emprego da xente nova. De feito, antes de iniciar as prácticas o 70% dos participantes estaban no paro e ao rematalas, tan só estaba nesta situación o 23%, 47 puntos menos. Neste sentido, ademais de reforzar os coñecementos e habilidades da xuventude coa adquisición, entre outras, de competencias en idiomas estranxeiros, esta iniciativa contribúe a dotar de recursos humanos de calidade ao tecido empresarial galego.

A Administración autonómica outorga aos participantes unha axuda media de 3.300 euros, pois esta varía en función do país de realización das prácticas formativas e tamén da duración delas. As prácticas poderanse realizar en calquera país da Unión Europea, incluído o Reino Unido.

O 80% das axudas achegarase antes de iniciar as prácticas para que a situación económica non sexa un obstáculo para ninguén. Existen tres liñas de axudas: as individuais a mozas e mozos, a proxectos de mobilidade presentados por entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan actividades no eido da xuventude e axudas para proxectos de mobilidade presentados por concellos.
Consellería de Política Social