O evento EIT Food Games promociona desde o campus de Lugo iniciativas de innovación e ideas de negocio

O programa da xornada, centrada na mellora da cadea alimentaria e orientada á participación de estudantes e investigadores en formación de calquera especialidade a fin de que obteñan información respecto a bolsas, programas de mobilidade e tamén sobre a adquisición de recursos para start ups que podan serlles de utilidade no seu futuro profesional, constituíu asemade unha oportunidade de achegamento á realidade do emprendemento, así como ás distintas iniciativas neste eido promovidas por EIT Food, Clusaga e tamén desde o Campus Terra da USC.

As persoas que tomaron parte nesta xornada, promovida por EIT tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a experiencia de persoas que xa lanzaron iniciativas emprendedoras de base tecnolóxica xurdidas no campus de Lugo da man de representantes e impulsores de dúas realidades empresariais como o son TasteLab e Innolact.

Responsables da firma Angulas Aguinaga, orientada a achegar solucións a problemas actuais da industria agroalimentaria, tamén se ocuparon de conducir un workshop no marco deste programa e durante o que se propuxo aos participantes retos da industria alimentaria que requiren solucións innovadoras. Os integrantes do equipo que achegou as propostas máis solventes aos problemas expostos obtiveron un recoñecemento á súa capacidade innovadora na clausura do evento.

EIT Food é a Comunidade Europea de Coñecemento e Innovación dependente do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía creada para transformar o noso ecosistema alimentario. Ao conectar aos consumidores con empresas, start ups, investigadores e estudantes de toda Europa, EIT Food apoia iniciativas innovadoras e economicamente sustentables que melloran a nosa saúde, o noso acceso a alimentos de calidade e o noso medio ambiente.
Universidade de Santiago de Compostela