O programa Talento Sénior impulsa a atracción e o retorno de persoal de alta cualificación

Con esta iniciativa, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia e cuxo prazo estará aberto ata o 29 de outubro, prevese apoiar un total de 15 contratacións de persoal con máis de cinco anos de experiencia na área da I+D+i .

As entidades beneficiarias contarán cun incentivo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), de 64.000 euros por cada contrato indefinido ou de duración igual ou superior a tres anos, no que deberán achegar ao profesional que se incorpore ao organismo un salario de cando menos 40.000 euros brutos por anualidade. Ademais, o persoal poderá estar contratado pola entidade beneficiaria da axuda desde o pasado 1 de xaneiro.

A convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, esixe a excelencia das propostas, e así, só se terán en conta aquelas que alcancen unha puntuación mínima do 60% do total dos puntos establecidos no baremo. Entre outros criterios, valorarase o perfil da persoa a contratar, a súa experiencia e traxectoria internacional, así como a condición de retorno e atracción. Ademais, tamén se prestará especial relevancia á presentación dun plan de igualdade de xénero no equipo do proxecto e que a persoa contratada sexa muller, primando tamén as contratacións indefinidas.

Entre os obxectivos deste novo programa, cunha dotación ampliable de preto dun millón de euros, búscase estimular a demanda de profesionais de alta cualificación tanto no sector público como no privado. Así, dos 15 contratos previstos para este ano, nove están reservados a empresas e seis a organismos de investigación non universitarios e centros tecnolóxicos.

Talento Sénior é unha das medidas incluídas no Plan Galicia Innova, que ten como obxectivo impulsar a actividade económica e industrial, o que redundará na xeración de emprego e benestar social a través da innovación. De feito, esta iniciativa, que contribúe á mellora da competitividade das empresas e organismos públicos de investigación galegos, así como á creación de emprego de alta cualificación, compleméntase con outros programas impulsados pola Xunta para atraer talento, como o Oportunius, centrado en investigadores excelentes ERC, ou o programa Principia, que ten permitido desde a súa posta en marcha a incorporación de 372 profesionais menores de 35 anos en 158 entidades.
Programa Talento Sénior