A Deputación de Ourense impulsará un Observatorio do Rural para estudar mercados, competitividade e emprego

Así o dixo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na visita que realizou ás dependencias do colexio provincial de enxeñeiros técnicos agrícolas de Ourense, onde foi recibido polo presidente e o secretario desta entidade profesional, Manuel Rojo e Miguel Ángel Viso, e por membros da xunta de goberno.

Baltar, quen analizou cos enxeñeiros a situación actual deste colectivo de técnicos agrícolas na provincia de Ourense —integrado por máis de 300 profesionais—, afirmou que a posta en valor do rural ourensán "pasa pola colaboración público, privada e académica, explorando as fortalezas e potencialidades que o sector primario ten na nosa provincia, unha das máis importantes en ámbitos como agroindustria, viño ou forestal".

Os enxeñeiros agrícolas expuxeron a Manuel Baltar a necesidade de contar cun maior apoio por parte da administración local para que técnicos que viven no rural poidan desenvolver proxectos no seu ámbito de actuación, e destacaron a importancia de dar máis visibilidade á profesión dos enxeñeiros agrícolas. O presidente do ente colexial agradeceu á Deputación de Ourense "o apoio que vén prestándonos ao contar con nós no marco do proxecto EmpregOU" e dixo que noso compromiso "é co rural da provincia de Ourense, para seguir apostando por el e pola súa competitividade", expresou Manuel Rojo.

Neste sentido, Manuel Baltar remarcou que a Deputación de Ourense "seguirá mantendo aberta unha liña de colaboración con este colexio profesional para a organización de actividades e para o seu funcionamento, e tamén para colaborar con ámbitos de grande competitiidade no sector agroindustrial da nosa provincia como poden ser as economías que xiran ao redor das denominacións de orixe vitivinícolas ou o ámbito agrario da comarca da Limia, traballando conxuntamente co campus de Ourense, que conta con titulacións específicas que van nesa dirección".

Baltar tamén apuntou a posibilidade de colaboración "para organizar en Ourense e desde Ourense un gran congreso do rural, que teña continuidade no tempo, para poñer en valor toda a singularidade do noso medio rural, que está chamado a ter un gran protagonismo como revulsivo económico e dinamizador".
Deputación de Ourense