Especialistas de todo o mundo avalían en Santiago a transición dos sistemas rurais cara á sostibilidade

Neste contexto, a Unión Internacional de Xeografía (IGU, nas súas siglas en inglés) decidiu dedicar enteiramente a esta cuestión o seu 26 coloquio anual, que se desenvolve esta semana en Santiago coa asistencia de especialistas de todo o mundo. No encontro trátanse de propoñer solucións e reducir as diversas brechas e diferencias que existen entre as redes agroalimentarias, entre as actividades rurais, entre os usos conflitivos da terra, entre as imaxes rurais e a ‘realidade sombría’, entre a expansión urbana e a agricultura e a preservación de espazos abertos e coas zonas rurais remotas, de baixa densidade e de montaña.

O 26 Coloquio da Comisión de Sustentabilidade de Sistemas Rurais da IGU (CSRS-IGU) titulado ‘Sistemas rurais infinitos nun planeta finito’ desenvólvese na Facultade de Xeografía e Historia para trasladarse a finais de semana a A Veiga e A Ulloa. Está organizado polo Grupo Ante da USC e pola citada comisión. A inauguración do encontro celebrouse este luns 16 no Paraninfo da Universidade coa presenza do vicerreitor de Investigación, Vicente Pérez Muñuzuri; o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o decano do centro anfitrión, Francisco Durán; o director do Departamento de Xeografía da USC e vicepresidente da IGU, Rubén Lois; o profesor da USC e director do Coloquio, Valerià Paul; e os representantes do CSRS-IGU, Holly Barcus e Serge Schmitz.

Durante todo o encontro prestarase especial atención á escala local, sen deixar de lado outras interrelacionadas para cumprir co esforzo de pechar as brechas cara á sostibilidade. A partir de aí, África e América Latina serán rexións tamén representadas nas distintas sesións, nas que Galicia ocupa un lugar central por ser “un laboratorio adecuado para colmar as lagoas con respecto a esta problemática”, como sinalan os organizadores. A comunidade galega conta cun campo “altamente innovador” e con “sistemas agrícolas tecnoloxicamente avanzados, como as industrias hortícolas e lácteas”. Neste senso, “estas industrias teñen un impacto considerable no medio ambiente e deben adaptarse constantemente ao marco variable da política agrícola común da UE”.

O Comité organizador destaca igualmente como, no caso galego, as redes alternativas e alimentos emerxentes coexisten nas mesmas áreas que a agricultura convencional, “formulando preguntas constantes sobre a compatibilidade e a competencia”. Nesta mesma dimensión “dedicáronse importantes inversión da UE ao crecemento do sector do turismo rural, pero a sustentabilidade económica desta industria punta cuestiónase constantemente”. En termos espaciais, moitas áreas “están baixo a presión dun importante fluxo turístico global, como o Camiño de Santiago, con centos de miles de peregrinos cada ano”.
Universidade de Santiago de Compostela