Convócanse os premios Idea 2018 para potenciar os proxectos empresariais por alumnos de FP

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de convocar, a través do Igape e en conxunto coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, unha nova edición do concurso Eduemprende Idea, co que se busca estimular o emprendemento e a realización de proxectos empresariais entre os alumnos de ensinanzas de Formación Profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.

O certame vai dirixido ao alumnado matriculado no curso 2017-2018 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño sostidas con fondos públicos. Este concurso convócase cada ano desde 2015, e este ano está dotado cun total de 12 millóns de euros.

A convocatoria consta de dúas modalidades, A e B, dirixidas ao alumnado de ciclos de grao superior e de grao medio, respectivamente. En ambas as dúas modalidades o primeiro premio será de 3000 euros, o segundo de 2000 e o terceiro de 1000. Ademais, todos os galardoados poderán incorporarse a un viveiro de empresas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e recibir asesoramento técnico do Igape para desenvolver os seus proxectos.

As solicitudes para participar na iniciativa, en grupos dun mínimo de dous e un máximo de catro persoas, faranse preferentemente por vía electrónica, cubrindo previamente o formulario descritivo do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo de internet http://www.tramita.igape.es; unha vez xerada a solicitude presentarase na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de modo presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. A convocatoria pode consultarse na resolución publicada no DOG e os interesados teñen un mes de prazo para presentar as súas solicitudes.

A comisión avaliadora, integrada por dous representantes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dous representantes do Igape e un profesor que forme parte do programa Eduemprende, terá en conta a viabilidade técnica, financeira e comercial dos proxectos presentados, así como a coherencia e carácter innovador dos proxectos, entre outros factores que figuran nas bases da convocatoria.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia