Máis de 500.000 galegos beneficiaranse do aumento das pensións anunciado por Rajoy. O PSdeG di que é un parche

Máis de 500.000 galegos beneficiaranse, segundo as previsións iniciais, do incremento das pensións de entre o 1 e o 3% recollido nos Presupostos Xerais do Estado (PXE). A medida proposta polo Goberno estatal recolle este aumento, en función do tipo de pensión e da contía, para as pensións mínimas; as non contributivas; as de viuvez; e as de ata 860 euros. Estímase, polo tanto, que esta iniciativa beneficiará a dous de cada tres pensionistas da Comunidade galega.

Trátase dunha actuación que mellorará a calidade de vida dos xubilados galegos, un dos retos principais nos que traballa a Xunta. A principal clave para incrementar o poder adquisitivo dos pensionistas é seguir aumentando o número de afiliacións á Seguridade Social e, neste ámbito, a Administración autonómica centra os seus esforzos. A través da Axenda 20 está desenvolvendo diferentes actuacións encamiñadas a crear na Comunidade galega máis emprego e de mellor calidade.

Para acadar este obxectivo, a Xunta, nos primeiros meses do ano, xa activou máis de 66 millóns de euros en diferentes medidas que están impulsando o emprego en Galicia a través de axudas á contratación, á economía social, dinamización do rural e de impulso ao emprendemento, entre outras. Con esta folla de ruta, a Administración autonómica, polo tanto, ten en marcha todos os mecanismos ao seu alcance para mellorar o mercado laboral.

A Xunta aposta por un sistema sostible, equitativo e solidario das pensións e, para iso, é necesario seguir impulsando o emprego. No último ano, as afiliacións en Galicia aumentaron un 2,61%, o que supón 24.926 afiliacións máis nos últimos 12 meses. A subida experimentada foi a maior desde o inicio da crise económica, sendo xa 4 anos, desde abril de 2014, nos que Galicia presenta unha evolución positiva nas afiliacións.

É preciso lembrar, así mesmo, que a Xunta mantén o complemento autonómico extraordinario a favor das persoas beneficiarias das Pensións Non Contributivas (PNC), no que o Goberno galego investiu 8,2 millóns de euros. É un pagamento único de 206 euros do que se benefician 40.000 galegos e galegas.

Ademais desta suba nas pensións, os xubilados galegos tamén poderán beneficiarse da redución do IRPF proposta polo Estado para as rendas de ata 18.000 euros anuais.

PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou en rolda de prensa o “parche” anunciado polo goberno de Mariano Rajoy e o seu “socio estrutural” que é Ciudadanos para mellorar as pensións, toda vez que pon en evidencia o seu “cinismo” e a “falsidade” do seu discurso político.

“Amosa que hai capacidade, se se quere, de apostar polo sistema público de pensións”, subliñou o líder dos socialistas galegos, tras recordar que a dereita sostiña que “non era posible” a revalorización conforme ao IPC que reclaman centos de milleiros de pensionistas nas rúas.

Esta “rectificación”, con todo, é “insuficiente” para Gonzalo Caballero, quen fixo fincapé na necesidade de “volver ao Pacto de Toledo” para garantir que, polo menos, as pensións suban cada ano na mesma medida que os prezos. De non ser así, adiantou, nada impedirá que en seguintes orzamentos se consolida a suba do 0,25%.

Así mesmo, tras manter unha xuntanza cos deputados nas Cortes Pilar Cancela e Guillermo Meijón e co voceiro no Parlamento galego, Xoaquín Fernández Leiceaga, o dirixente do PSdeG cuestionou “a suba parcial” da base reguladora das pensións de viuvez do 52 ao 54%, posto que a lei aprobada durante a etapa de goberno José Luis Rodríguez Zapatero impón que neste exercicio tería que estar situada no 59%.

En paralelo a estes “incumprimentos” co sistema público de pensións, Gonzalo Caballero avaliou que os datos feitos públicos en relación aos Orzamentos Xerais do Estado permiten concluír tamén que o anteproxecto de contas públicas “carece de sensibilidade social”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia + Gabinete de Comunicación do PSdeG