A Xunta ofrece aos funcionarios da Administración de Xustiza varias melloras nunha nova oferta ante os sindicatos

A Xunta ofreceu ás organizacións sindicais da Administración de Xustiza importantes melloras nas súas reivindicacións, como unha nova suba no complemento autonómico para todos os traballadores e estender a este colectivo o cobro do IPC galego.

A Administración autonómica propuxo, como oferta definitiva, un novo incremento adicional no complemento autonómico de entre 816 e 1.080 euros anuais segundo a categoría, o que situaría a Galicia moi por riba da media do conxunto das comunidades autónomas e que mellora aproximadamente nun 20% a anterior oferta da Xunta de Galicia.

Ademais, cómpre destacar que a suba salarial para os traballadores da Xustiza será aínda maior, xa que percibirán tamén os aumentos que se aplicarán a todos os empregados públicos, que segundo o Goberno central serán de ata o 8% nos vindeiros tres anos.

Pola súa banda, os sindicatos reclaman unha suba de 2.700 euros anuais, un 13,3%, que resulta inasumible para as arcas públicas.

Seguimento da folga

O seguimento da folga convocada na Administración de Xustiza foi hoxe dun 41,07%. Foron 1.109 persoas dun total de 2.700. Os servizos mínimos estanse a cumprir na súa totalidade.

Por provincias, o seguimento da folga na Coruña foi do 41,90%; en Lugo, do 36,97%; en Ourense, do 41,61%, e en Pontevedra, do 45,62%.

No cálculo destes datos hai que ter en conta que 168 funcionarios non acudiron ao traballo por ausencia xustificada (vacacións, asuntos particulares, ou días de libranza) e 770 cumpriron servizos mínimos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia