Os portos de titularidade autonómica moveron máis de 1,7 millóns de toneladas

Os portos de titularidade autonómica moveron máis de 1,7 millóns de toneladas de mercadorías ao longo do ano 2017. Así o comunicou o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha rolda de prensa na sede do ente público na que fixo balance da actividade de carga e descarga de mercadorías e peixe fresco nas instalacións portuarias dependentes da Xunta.

Durán Hermida informou de que Portos de Galicia vén de realizar o balance anual de tráfico de mercadorías rexistrado nos 122 peiraos de titularidade autonómica entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017. Ao longo de dito exercicio movéronse nos portos dependentes da Xunta de Galicia un total de 1.716.000 toneladas de mercadorías. Esta cifra supón un leve incremento en termos netos de preto de 20.000 toneladas respecto ao balance do ano 2016 e un incremento porcentual do 1%.

En canto aos movementos de mercadorías máis importantes, corresponderon respectivamente aos portos de Cariño, con 550.000 toneladas; Ribadeo, con 507.000 toneladas e o de Brens (Cee), con 355.222 toneladas. Durán destacou tamén que o incremento global reflíctese tamén nos tres portos principais xa que tanto Cariño como Ribadeo e Brens-Cee experimentan subas interanuais, do 4,5; o 4; e o 3% respectivamente.

En canto ás principais mercadorías descargadas destaca o mineral de ferro sen aglomerar no porto de Cariño, no que se moveron máis de 530.000 toneladas desta mercadoría; a pasta de madeira en Ribadeo, con 391.000 toneladas; e o manganeso no porto de Brens-Cee, con 180.000 toneladas.

Respecto á descarga de pesca fresca, nos peiraos dependentes da Xunta de Galicia descargáronse no ano pasado 120.000 toneladas de peixe, un 12% máis que en 2016. Esta cifra supuxo un importe total da venda en lonxa de máis de 300 millóns de euros, un 5% máis que no ano anterior. Os peiraos con maior volume de descarga de pesca fresca foron: Ribeira, con 36.000 toneladas; Burela, con 23.000 toneladas; e Celeiro-Viveiro, con 17.000 toneladas.

No tocante á facturación, Portos de Galicia pechou o ano económico cunha recadación de 17 millóns de euros, o que supón un incremento do 1,5% respecto ao pasado ano. Esta cifra supón así mesmo un incremento de 1 millón de euros por riba das previsións orzamentarias de inicio de ano e un índice de cumprimento de previsión do 108%.

Ante as cifras aportadas, o presidente de Portos de Galicia mostrou a súa satisfacción, dado que “os datos de movemento de tráficos son proba dunha crecente actividade económica rexistrada nos peiraos de titularidade autonómica, que teñen sido rendibilizados como motor de xeración de riqueza e emprego tanto para a carga e descarga de peixe e mercadorías como para o desenvolvemento de actividade náutico recreativa e deportiva”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia