A Xunta convoca axudas para os sectores audiovisual e editorial galegos

A Consellería de Cultura e Educación publica no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se convocan as subvencións de 2018 para incorporar á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia novidades editoriais en lingua galega, así como material diverso –libros, discos, DVD, partituras etc.– para enriquecer e actualizar as coleccións bibliográficas.

A Secretaría Xeral de Cultura destina un total de 550.000 euros a estas dúas liñas de subvencións, dirixidas aos concellos galegos, que se publican conxuntamente nunha mesma orde, por vez primeira, para facilitar o labor dos concellos, grazas á simplificación dos trámites para presentar as solicitudes.

Por unha banda, o obxectivo da Secretaría Xeral de Cultura coas axudas para a adquisición de novidades editoriais, dotadas con 200.000 euros, é que as bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de Galicia teñan ao dispor dos seus usuarios e usuarias as obras máis recentes publicadas en galego no momento da súa entrada no mercado. Para iso, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo habilitou a plataforma electrónica https://novidadeseditoriais.xunta.gal para a compra de libros en formato físico por parte das entidades locais, en función da demanda das súas bibliotecas e de acordo cos requisitos establecidos nesta orde.

Unha vez adxudicada a subvención por un valor económico que se establece segundo os parámetros da poboación á que atende cada servizo bibliotecario municipal, este poderá seleccionar os títulos incluídos nunha plataforma electrónica na que incorporarán as súas novidades editoriais todas as empresas editoras que publiquen en galego, que tamén serán as encargadas da distribución directa de cada libro solicitado aos centros beneficiarios.

Estas axudas complétanse coa liña de subvencións para actualizar as coleccións bibliográficas, a través da compra de monografías (tanto libro infantil como libro dirixido as persoas adultas), material sonoro (discos e vinilos), videogravacións (DVD, Blu-Ray), recursos electrónicos (CD-ROM, DVD-ROM ou calquera outro formato para videoxogos), partituras e material cartográfico (mapas e planos). Estes materiais, para os que se destinan 350.000 euros, deberán estar dirixidos ao mantemento ou renovación da colección e terán por obxectivo o préstamo a domicilio ou a consulta dentro das instalacións da propia biblioteca.

Ambas subvencións convócanse este ano conxuntamente, por vez primeira, e antes de que comece o ano próximo, para favorecer que as técnicas e os técnicos bibliotecarios mu-nicipais dispoñan dunha marxe maior para planificar as adquisicións de novidades e mello-ras para as coleccións das bibliotecas e, así, incrementar a oferta e o servizo ás persoas usuarias, atendendo, de forma especial as campañas de verán e de Nadal, nas cales se incrementa en gran medida a demanda deste servizo.

Entre os requisitos para optar ás axudas establécese que as bibliotecas ou axencias de lec-tura pública municipais receptoras dos fondos bibliográficos deberán estar integradas na Rede de bibliotecas de Galicia antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, ter un horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais e ter informatizada a xestión da biblioteca ou da axencia de lectura.

Ademais, as entidades locais que soliciten subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas deberán ter realizado no período comprendido entre o 1 de maio de 2017 e o 31 de decembro de 2017 un investimento na adquisición de fondos bibliográficos con destino á biblioteca ou axencia de lectura pública municipal, con cargo aos orzamentos do concello. Este investimento deberá ser igual o superior ao 20% da cantidade máxima que se pode conceder a través das axudas.

A contía do importe dos fondos bibliográficos a que poderá acceder cada entidade beneficiaria determinarase en función do número de habitantes de cada concello solicitante, e vai dos 500 euros para as localidades de menos de 2.000 habitantes ata os 3.500 euros para os concellos de máis de 50.000.

Posibilitar a mellora e a actualización dos fondos bibliográficos que configuran as coleccións das bibliotecas públicas municipais de Galicia para dar cumprida resposta á demanda das persoas usuarias é o principal obxectivo desta convocatoria de subvencións promovida pola Consellería de Cultura e Educación, que, ao mesmo tempo, contribúe a impulsar o sector editorial galego.

Audiovisual

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación abre ata o 19 de xaneiro o prazo de solicitude das subvencións ao desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego para 2018. Esta liña de axudas mantén a dotación de 145.000 euros das súas convocatorias anteriores, que cada ano se destina a impulsar 13 novos proxectos de guións, curtas e longametraxes.

En concreto, 25.000 euros resérvanse á escrita de cinco guións de longametraxes cinematográficas, 30.000 euros para a produción doutras cinco curtametraxes e 90.000 euros para a realización de tres longas por directores noveis.

As axudas ao talento, pioneiras no seu ámbito dentro do panorama audiovisual español, buscan favorecer a incorporación de novos creadores á industria galega coa finalidade de promover a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico, así como de contribuír ao enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual.

Este ano os proxectos beneficiarios foron as curtametraxes Matria, de Álvaro Gago, que acaba de ser seleccionada para o festival de Sundance; A carta xeométrica, de Miguel Mariño; Exhalación, de Alberto Díaz López; Sendeiro, de Lucía Estévez, e Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana Gómez-Díaz; os guións Anguías, de Nuria Mosqueira Varela; Os días calados do señor Steven, de César Souto Vilanova; Só (unidade mínima), de Antonio Chouza López; Dúas vellas, sete gatos, tres máquinas de coser, de Marta Pérez Pereiro, e O corpo aberto, de Ángeles Huerta; e as longas 9 fugas, de Fon Cortizo; Ursúas, de Roi Fernánez; e Manoliño Nguema, de Antonio Grunfeld.

As bases, que poden consultarse no seguinte enlace do Diario Oficial de Galicia (DOG): www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171219/AnuncioG1097-041217-0007_gl.html, especifican que as solicitudes deben presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do portal sede.xunta.gal e que a presentación electrónica é obrigatoria para as persoas xurídicas e as súas representantes.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia