A coordinadora da automoción de CCOO analiza a situación e retos do sector

A sección sindical de CCOO en PSA Peugeot-Citroën explicou en que consistirá a nova cuarta quenda, así como as necesidades produtivas da compañía para todo o ano 2018. O obxectivo é que coñezan de primeira man como será a implantación e así poder adaptar ou negociar os calendarios laborais do próximo ano e dar cobertura ás necesidades produtivas de cada empresa do sector.

Industrialización do modelo K9

Tamén se incidiu no gran reto que vai supor o lanzamento do modelo K9 no segundo semestre do 2018. Entre os diferentes desafíos están os problemas de capacidade, calidade e cobertura das novas empresas, en especial as que fornecen desde países a baixo custo co sistema síncrono longo. Das conclusións da asemblea destaca que o parque de provedores implantado en Galicia soportará un grande esforzo para que o lanzamento do K9 sexa un éxito.

Desde CCOO afirman que o Grupo PSA debe entender que non só se trata de comprar compoñentes a menor custo, senón que cómpre contar cun parque de provedores fiable e próximo. Esta é a garantía para dar maior cobertura, apoio e capacidade inmediata de reacción, ante os diversos problemas que adoito se xorden nos novos lanzamentos, así como no día a día da industria automobilística.

Situación global

Nunha análise máis global da realidade do sector, CCOO destacou negativamente as estratexias de todos os fabricantes, con continuas políticas de rebaixa de custos no prezo dos compoñentes, recortes sociais e unha visión a curto prazo. O sindicato subliña a necesidade de potenciar as empresas galegas para garantir o futuro, sobre todo ante o reto da industria 4.0 e o futuro vehículo eléctrico.

Competencia desleal

A coordinadora da automoción tamén tratou a competencia desleal de Portugal. Neste senso, pediu que se clarifique canto antes se o país veciño cumpre coas normas europeas en materia de competencia. Nesa dirección, o Concello de Vigo aprobou unha moción ao respecto promovida polo PSOE. A coordinadora solicitará tamén unha reunión co alcalde, Abel Caballero, para tratar esta cuestión.
Gabinete de Comunicación de CC.OO.