O PSdeG di que a próxima OPE en Sanidade é insuficiente en cantidade, deficiente en calidade e perde persoal

O responsable socialista acusou ao goberno galego de “obrigar aos profesionais sanitarios a mendigar condicións” para tratar de mellorar unha situación “insoportable”, que está “detrás da decisión de marchar de Galicia”. Explicou que o 85 por cento dos titulados e tituladas MIR durante os gobernos de Feijóo “non se incorporaron de maneira estable ao sistema”.

Torrado explicou que o presidente da Xunta destruíu dende a súa chegada en torno a 7.000 empregos estables os 35.000 que ten a Consellería de Sanidade, polo que “a súa reposición parcial responde tanto ás limitacións impostas por Montoro como da pouca vontade da Xunta por resolver o problema”. Iso explica que Galicia sexa, xunto con Euskadi, a única autonomía que non remitiu as vacantes a Facenda, entorpecendo e enlentecendo a convocatoria.

Lembra que foi o PSdeG quen obrigou ao PP a admitir no Parlamento a convocatoria desta OPE en marzo, e “somos os que tivemos que presionar para que se convocara”. O próximo Pleno, dixo, incluirá unha moción neste sentido para reivindicar aquela iniciativa, máis ambiciosa, para acordar catro convocatorias na lexislatura co obxecto de recuperar case 6.500 daqueles empregos perdidos.

Calidade

Explicou ademais que a OPE anunciada “non resolve desigualdades, incumpre os acordos de estabilidade asinados a nivel estatal e autonómico, e non facilita a promoción interna”. Trátase dunha convocatoria, explica, que “non avanza no cumprimento dos acordos asinados cos sindicatos en 2008 e que foron paralizados por Feijóo en 2010, mantendo ao persoal sanitario de Galicia como un dos peor pagados e con menos dereitos do Estado”.

Torrado sinala que a convocatoria “non resolve o grave problema da precarización, dos contratos por horas, ou da renovación de contratos de luns a venres para non pagar as fins de semana”. Estas prácticas, lembra, “xa teñen motivado sentenzas contrarias ao Sergas pola explotación e as indecentes condicións laborais de inestabilidade”.
Gabinete de Comunicación do PSdeG