As redeiras galegas amosan o seu traballo no pop up Saberes e sabores de Artesanía de Galicia en Madrid

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, acompañada pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou no obradoiro sobre nós mariñeiros e atado de redes que impartiu a redeira Rosa Rodríguez, da Asociación Illa da Estrela de Corme (Ponteceso, A Coruña) no marco da tenda pop up Galicia. Saberes e Sabores, que a Xunta organiza en Madrid ata o vindeiro 26 de novembro.

Illa da Estrela conta neste evento cun espazo propio no que expoñen e venden os produtos elaborados no marco do proxecto Enredadas, grazas ao cal a Fundación Artesanía de Galicia foi premiada na última edición dos Premios Nacionais de Artesanía na categoría Promociona para Entidades Públicas.

Esta iniciativa, na que van da man a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Consellería do Mar, impulsa a diversificación da actividade das redeiras galegas, fortalecendo a súa formación e favorecendo a creación de novos produtos en colaboración con outros sectores, como o deseño, a moda, a bixutería ou os complementos.

O Palacio de Santa Bárbara (Hortaleza, 87), o evento efémero Galicia. Saberes e Sabores no que, ademais dunha tenda cunha selección de pezas de máis de 50 artesáns de toda Galicia, haberá espazo para exposición e venda de produtos alimentarios de calidade, degustacións, presentacións e obradoiros participativos abertos a todo o público.

Esta iniciativa, organizada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Artesanía de Galicia, ofrece unha completa escolma dos diversos oficios que conviven no sector artesanal galego, e así conta con pezas de xoiería, marroquinería, olería tradicional, cerámica, cestería, téxtil, papel, madeira, coitelería, encaixe e complementos de moda.

No evento, que abre as súas portas de luns a xoves de12.30 a 21.30 horas, os venres e sábados de 12.00 a 23.00 horas e os domingos de 12.00 a 21.30 horas, o público terá unha oportunidade única de coñecer algún dos creadores, que estarán presentes no evento. Así, conta cun espazo propio a cesteira Idoia Cuesta, afincada en Outeiro de Rei, gañadora nos Premios Nacionais de Artesanía 2014 coa súa colección Pandeira na categoría de Premio Produto.

Maysil, obradoiro da Estrada (Pontevedra) presenta as súas diferentes coleccións de xoiería artesanal, que abarcan desde os modelos máis tradicionais ata os máis transgresores xogando a repensar o uso dos materiais. Conta tamén cun expositor María Feijoo (Santiago de Compostela), que traballa a seda pintada convertendo o material en lenzo para adaptalo a variados complementos de moda e decoración; e Pilar Rodal (Vigo), con xoias orgánicas inspiradas na natureza e baseadas na exploración da fusión da prata con outros materiais.

O programa do evento acolle obradoiros de artesanía como o dirixido pola artesá Palmira Castro do obradoiro Mimadriña (Fisterra, A Coruña), que traballará a técnica do Origami elaborando unha postal mariñeira. Pola súa banda, a cesteira contemporánea Idoia Cuesta dirixirá un obradoiro de decoración de Nadal con fibras vexetais.

Os produtos de alimentación están representados por Eidos de Iria&Adolfo. Olivares do Norte, Adegas Castrobrey, as cooperativas Terras da Mariña e Campocapela, Orballo Innovaciones Forestales, Las Cañitas de la Abuela, Obrador de Lamprea, Conservas y Ahumados Lou S.L, A la cena galega e El Capricho de Esther y Cecilia, Sovoral Apicultura Orgánica e Muuhlloa Cosmética Gallega.

Ademais, haberá showcookings a cargo de cociñeiros como o ‘Estrela Michelin’ Pepe Solla e representantes da nova cociña galega como Lucía Freitas, do restaurante A Tafona. Iago Pazos, de Barra Atlántica e Abastos 4.0, participou no evento este mesmo mediodía. Por outra banda, os visitantes, que poderán asistir a diferentes obradoiros de cociña, poderán visitar, cada día ata as 23 horas, a taberna Pulpoup, na que se servirá comida tradicional galega. O programa completo pode consultarse en artesaniadegalicia.xunta.gal.

Artesanía de Galicia

A marca Artesanía de Galicia representa aos profesionais que conforman o sector artesanal galego. O distintivo avala produtos de alta calidade, coidadosamente deseñados e que contan unha historia fascinante: as raíces da cultura galega combinadas co deseño contemporáneo, a personalidade dos creadores e a mestría das súas mans. A artesanía constitúe unha excelente opción para a decoración de interiores, como unha forma de destacar o propio ambiente, non só en canto á estética senón outorgándolle personalidade, un toque de exclusividade e autenticidade.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia