A Xunta salienta o decisivo papel de Galicia como destino de turismo de benestar e de saúde na Feira Internacional Termatalia

A Xunta de Galicia destacou hoxe o decisivo papel que está a ter a Comunidade galega como destino de turismo de benestar e de saúde da man do termalismo, un tipo de turismo que está a actuar, ademais, como un importante dinamizador da economía galega e propicia experiencias dun alto valor engadido.

Así o manifestou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, durante a inauguración da décimo sétima edición da Feira Internacional de Turismo Termal Termatalia, que conta co apoio de Turismo de Galicia, e que se está a celebrar estes días en Ourense coa participación de profesionais de máis de 40 países de todo o mundo.

Durante o acto de inauguración –no que tamén estiveron presentes a secretaria xeral do Deporte, Marta Míguez; a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez e a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira- Nava Castro lembrou o labor levado a cabo pola Administración autonómica traballando no Plan de turismo termal e o Plan de turismo de saúde, enfocados á medicina curativa, preventiva e de benestar, todas elas claves para a creación de produtos turísticos avalados pola calidade.

Referentes en Q de Calidade

“Viaxar a Galicia é beneficioso para a saúde, polo noso agradable clima, polas nosas xentes, a nosa cultura, a nosa gastronomía e tamén polos nosos recursos naturais e termais, de contrastada eficacia terapéutica”, explicou a directora de Turismo. Porque, con máis de 300 mananciais, acompañados dunha infraestrutura moderna e diversificada composta por máis de 20 balnearios que ofertan preto de 3.000 prazas de aloxamento, Galicia é referente en turismo termal. Algo que a Xunta está a reforzar impulsando a innovación no sector.

Un sector que tamén estivo presente hoxe en Termatalia, no acto de presentación de produto de turismo de saúde e de benestar de España, no que tamén participou a directora de Turismo. Alí púxose en valor o compromiso dos profesionais galegos por acadar a excelencia turística e, co seu esforzo, contribúen a achegar prestixio, diferenciación, fiabilidade e promoción á Comunidade galega como destino turístico.

Algo que avala o feito de que un de cada catro balnearios distinguidos en España coa Q de Calidade Turística estean en Galicia ou que o Centro Médico El Carmen, situado en Ourense, se teña convertido en pioneiro ao ser terceiro hospital de España con este recoñecemento grazas á súa decidida aposta polo turismo de saúde WaterHealth.

Ourense, referente termal

Termatalia chega este ano á súa décimo sétima edición, consolidándose como o punto de referencia internacional para o turismo de saúde e de benestar, e escollendo, de novo, a cidade de Ourense como sede, tras celebrase o pasado ano en México.

Conta coa participación de preto de 300 expositores, 30 touroperadores e 40 países representados, con importante presencia de América Latina, Europa e Asia. A feira, de carácter profesional, celébrase en Expourense os días 21 e 22 de setembro pero haberá tamén actividades durante esta semana na denominada Semana Termatalia, que comezou o luns con cursos de formación e obradoiros e que concluirá este sábado.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia