Galicia apoia que a Política Agrícola Común manteña o seu peso no orzamento europeo despois de 2020

O Comité das Rexións (CdR) manifestou en pleno o seu respaldo a que a Política Agrícola Común (PAC) sexa unha política da UE forte no próximo marco financeiro plurianual, a través da aprobación dun ditame baixo o título A PAC post-2020, nunha sesión que contou coa participación de Carlos Moedas, comisario europeo de Investigación, Ciencia e Innovación, así como da comisaria de Transporte, Violeta Bulc. Os dous membros da Comisión debateron cos representantes do CdR sobre as políticas das súas carteiras, ambas de máximo interese para a nosa Comunidade. Galicia presta unha especial atención ás Estratexias Europeas de Especialización Intelixente (RIS3) no ámbito do I+D, mentres que no transporte busca que a Rede Transeuropea de Transporte (RTE-T) permita mellorar as conexións da nosa rexión.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, acudiu ao pleno en representación da nosa Comunidade, participando nos debates e presentando tres emendas ao texto sobre gobernanza internacional dos océanos, referidas á necesidade de implementar o crecemento azul tamén neste ámbito. Galicia é unha rexión pioneira en Europa no desenvolvemento das actividades económicas ligadas ao mar, contando con magníficos exemplos como o Porto de Vigo. Ademais, na sesión plenaria do Comité das Rexións, celebrada no hemiciclo do Parlamento Europeo, aprobáronse outros ditames relevantes, como o relativo ás tipoloxías de clasificación territorial e o que trata sobre a PAC post-2020, texto en cuxa elaboración colaborou Galicia. Neste pleno materializouse ademais o cambio na presidencia do CdR, sendo substituído o finlandés Markku Markkula polo belga Karl-Heinz Lambertz.

Futuro da PAC despois de 2020

No pleno do CdR aprobouse un proxecto de ditame sobre a PAC (Política Agrícola Común) post-2020. O texto subliña que a situación actual da PAC presenta diversos problemas, entre os que cabe destacar a necesidade de promover unha política agrícola e alimentaria máis sustentable. Tamén pon de manifesto que a desertización demográfica de numerosas zonas rurais reflicte o incumprimento dos obxectivos de cohesión territorial da UE. Por todo isto, o ditame do CdR propón que o futuro da PAC despois de 2020 se enfoque en obxectivos compartidos.

Desde o punto de vista económico, o CdR solicita que se manteña a mesmo porcentaxe no orzamento, pero de maneira máis eficiente. No que respecta ao desenvolvemento do medio rural, o Comité solicita un maior equilibrio entre o primeiro (pagos directos ás explotacións) e o segundo alicerce (política de desenvolvemento rural) da PAC. Ademais, recomenda a adopción dun programa marco para que todas as políticas europeas contribúan ao desenvolvemento das zonas rurais, especialmente fomentando o emprego.

Galicia contribuíu ao ditame durante a súa fase de elaboración na comisión NAT do Comité. A nosa Comunidade fixo fincapé no mantemento dos dous alicerces, a elevación das rendas rurais para equipalas ás urbanas e evitar o despoboamento, así como a necesidade de fomentar actividades conexas como o turismo a través das axudas europeas. Este debate forma parte dunha gran reflexión colectiva sobre o futuro da PAC, que a Comisión Europea puxo en marcha este ano con vistas ao lanzamento en 2018 da súa proposta de PAC para o período post-2020.

Gobernanza internacional dos océanos

Os representantes locais e rexionais aprobaron ademais un ditame sobre gobernanza internacional dos océanos que acolle favorablemente a Comunicación da Comisión Europea nesta materia, apoiando as accións propostas co fin de garantir que os océanos sexan seguros e limpos. O documento sinala que moitas das cuestións relacionadas coa gobernanza teñen unha dimensión local. Os membros están tamén de acordo en fomentar a xestión rexional da pesca e a cooperación en zonas oceánicas, co obxectivo de estender internacionalmente os estándares da UE. Para Galicia, por exemplo, a loita contra a pesca ilegal reforzaría os recursos alimenticios dos océanos a escala mundial, polo que a industria europea se beneficiaría directamente. O proxecto de ditame recolle así mesmo as achegas galegas feitas na comisión de Recursos Naturais (NAT), referidas a que a sustentabilidade dos océanos está en perigo por ameazas tan diversas como o cambio climático ou a xestión dos residuos mariños. Neste sentido, as emendas de Galicia presentadas no pleno tamén foron aceptadas.

Hai que ter en conta que a importancia do mar e dos océanos non só radica en que son imprescindibles para a vida na terra, senón tamén en que constitúen unha fonte exponencial de emprego. A OCDE calcula que a riqueza mundial que depende do mar (1,3 billóns de euros) podería duplicarse para 2030. Pola súa banda, a Comisión Europea estima que os 5 millóns de postos de traballo en Europa dependentes do mar multiplicaranse nas próximas décadas, polo que resulta imprescindible lexislar neste ámbito.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia